Un parque eólico en Maceda e Montederramo, freado pola Xustiza, tramita a súa declaración de utilidade pública

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O TSXG mantén suspendida cautelarmente esta instalación dende 2024, mentres a administración autonómica tramita en paralelo a solicitude de utilidade pública presentada pola promotora
parque_eolico_maceda_montederramo
3 Sep 2026

O parque eólico Rodicio II, situado nos concellos ourensáns de Maceda e Montederramo, atópase en tramitación da súa declaración de utilidade pública malia estar paralizado por decisión xudicial. A instalación foi impugnada en 2023 mediante un recurso contencioso-administrativo, tras o cal o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou en abril de 2024 as medidas cautelares solicitadas pola parte recorrente, ordenando a suspensión das obras.

O proxecto, situado ao carón do Macizo Central ourensán, foi promovido inicialmente por Greenalia e posteriormente traspasado á empresa francesa ENGIE, herdeira da antiga GDF Suez (Gaz de France). O parque formaba parte dun paquete de instalacións cunha potencia conxunta de 182 MW que Greenalia transferiu a ENGIE por 58 millóns de euros, nunha operación anunciada a comezos de xuño de 2023, poucos días despois de que o TSXG anulase, o 26 de maio dese mesmo ano, as autorizacións doutro parque eólico da mesma promotora.

Este non é o único proxecto de ENGIE afectado por resolucións do TSXG: outras catro instalacións da compañía —con potencias de entre 24 e 39,6 MW— permanecen igualmente suspendidas polo tribunal. Do conxunto de máis de 80 parques eólicos paralizados cautelarmente en Galicia, até o momento só dous contan con sentenza firme sobre o fondo do asunto, cun fallo desfavorábel en primeira instancia para a promotora en ambos os casos.

Fontes ecoloxistas cuestionaron que se tramite a utilidade pública de instalacións xudicializadas, ao consideraren que este procedemento habilita a ocupación urxente de bens e dereitos e pode xerar incerteza entre a poboación afectada mentres o litixio segue aberto.

As consideracións xudiciais sobre a zona e os prazos

A área onde se sitúa o proxecto é hábitat de especies protexidas, entre elas a aguia real, o voitre branco e o millafre real, e sitúase nas proximidades das Zonas de Especial Conservación (ZEC) Bidueiral de Montederramo e Macizo Central. No seu auto de paralización cautelar, o TSXG sinalou que a planificación de instalacións eléctricas debe evitar interferencias sobre a Rede Natura 2000 e o impacto visual na contorna dos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), advertindo de que non resulta axeitado situar estas infraestruturas ao carón de espazos protexidos para logo pretender a súa ampliación, dado que a conservación das especies require de zonas con protección íntegra.

A respecto dos prexuízos que puidese ocasionar o atraso na execución das obras, o tribunal indicou que estes só resultarían relevantes se existise unha necesidade urxente de interese xeral vinculada especificamente a ese parque, circunstancia que non queda acreditada polo mero feito de que se declare a súa utilidade pública. O auto engade que, no caso de que o recurso fose finalmente desestimado, os prexuízos limitaríanse a un atraso na posta en marcha da instalación, relativizado polo tempo xa transcorrido dende o inicio do expediente administrativo até a súa aprobación.

A solicitude de utilidade pública do parque Rodicio II foi obxecto dun escrito de alegacións presentado por unha organización ecoloxista, que pide a súa denegación e reclama que non se autoricen novos avances administrativos nos expedientes de parques eólicos mentres estes permanezan suspendidos cautelarmente por decisión xudicial.

0.1572630405426