Unha andaina solidaria percorrerá mañá O Carballiño para financiar a participación na Copa de Europa de Show

O Club Aehde do Carballiño organizou para mañá, 12 de setembro, unha andaina solidaria polo Parque Municipal coa que pretende recadar fondos para que as súas patinadoras poidan desprazarse ata a Copa de Europa de Show. A iniciativa conta co apoio do Concello do Carballiño.
O alcalde en funcións, José Castro-Gil, animou esta mañá, durante a presentación do evento, a que a poboación se sume á causa, co fin de que as deportistas poidan representar ao municipio na cita continental.
O percorrido, duns 10 quilómetros, comezará mañá ás 17.00 horas desde a Praza Maior. Segundo explicou a adestradora do clube, Nieves González, a actividade busca cubrir os importantes gastos que xerou este curso o desprazamento das patinadoras da categoría nacional de primeira a competicións celebradas en Guadalaxara e Alicante. O obxectivo final é que o equipo poida acudir á Copa de Europa de Show, que se disputará en Figueres entre o 24 e o 26 de setembro.
Pola súa banda, Sandra Fumega quixo agradecer a implicación do Consistorio e estendeu o convite a veciños de calquera idade, subliñando que se trata dun percorrido de baixa dificultade, apto tanto para os máis novos como para as persoas maiores.
As entradas para participar pódense adquirir por adiantado no Supermercado SuperXa, Autodo, Bar Soldado e a Cafetería Merey, aínda que tamén estarán dispoñibles no propio momento da saída. O prezo é de 8 euros para os adultos e 5 euros para os menores de 14 anos. Ao rematar a andaina, os participantes poderán gozar dun pincho e optar a un sorteo entre todos os asistentes.