Unha trintena de nenos e nenas participaron este ano no campamento tecnolóxico de verán Aldaba-TIC Camp no campus de Ourense

OurenseXa
A actividade, que se desenvolveu ao longo desta semana Escola Superior de Enxeñaría Informática, busca espertar vocacións tecnolóxicas en idades temperás
aldaba-tic-camp-ourense
28 Jun 2026

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu ao longo desta semana unha nova edición do campamento tecnolóxico de verán Aldaba-TIC Camp, no que participan 32 nenas e nenos repartidos en tres grupos por idades.

O obxectivo da actividade é, segundo os organizadores,  “espertar vocacións tecnolóxicas en mozas e mozos en idades temperás, darlles a coñecer o mundo TIC e axudarlles a desenvolver habilidades técnicas dun xeito divertido”.

O campamento está organizado pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, unha iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña xunto coa empresa Aldaba, e conta coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, que asume o 40% dos custos de matrícula. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos “con interese pola tecnoloxía e ganas de explorar todo o que pode ofrecer”.

En liña co compromiso da Cátedra Aldaba WIB para reducir a fenda de xénero no ámbito tecnolóxico, o 80% das prazas están reservadas para alumnas, co obxectivo de “incentivar activamente o interese das nenas polas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) desde idades temperás”.

Baixo o lema Aventura STEM: Viaxe no Tempo, a proposta educativa combina historia e innovación para resolver retos do pasado con ferramentas do futuro. Segundo a organización, “cada participante mergullarase nunha experiencia educativa na que historia e innovación xúntanse para resolver retos do pasado con ferramentas do futuro”.

Ao longo da semana, o alumnado traballou con drons, robótica, deseño e impresión 3D, programación, intelixencia artificial e ciberseguridade, a través dunha metodoloxía lúdica e práctica orientada ao desenvolvemento de competencias dixitais, matemáticas, científicas e de iniciativa emprendedora.

0.12331199645996