Xunqueira de Ambía acollerá unha charla sobre muller e deporte dentro do programa Rosalía

Os concellos de Xunqueira de Ambía, Rairiz de Veiga, Sandiás e Vilar de Barrio programaron, dentro do seu programa conxunto Rosalía, unha nova actividade dirixida ás mulleres do territorio baixo o título 'As mulleres e o deporte', que tratará cuestións relacionadas coa saúde e o benestar.
A cita terá lugar o vindeiro 27 de agosto, ás 18.00 horas, no antigo local de Abanca de Xunqueira de Ambía. A actividade, como o resto das que integran este programa, ten carácter gratuíto e está aberta a todas as interesadas.
Quen desexe máis información pode dirixirse ao seu respectivo concello ou contactar a través do teléfono e WhatsApp habilitado, 685 211 882.
Esta iniciativa enmárcase nas subvencións que a Xunta de Galicia concede a entidades locais para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, unha actuación cofinanciada pola Unión Europea a través de fondos europeos. O obxectivo deste programa é contribuír a previr a violencia de xénero e mellorar a situación das vítimas e das mulleres en situación de vulnerabilidade.
A actuación conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e dos concellos de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Rairiz de Veiga e Sandiás.