Xunqueira de Espadanedo abre as axudas para material escolar de Infantil con 80 euros por alumno

O Concello de Xunqueira de Espadanedo puxo en marcha unha nova convocatoria de axudas destinada a sufragar os gastos de material escolar das familias con fillos e fillas en idade de Educación Infantil durante o vindeiro curso 2026-2027.
Poderán beneficiarse desta subvención os alumnos e alumnas do segundo ciclo de Infantil que estean matriculados tanto en centros públicos coma en colexios privados concertados, sempre que figuren empadroados no municipio.
En canto aos conceptos que se poden cubrir con esta partida, o consistorio detallou unha ampla relación de artigos considerados material escolar subvencionable. Entre eles inclúense os libros de texto, así como cadernos de traballo, de escritura e de debuxo. Tamén entran dentro desta categoría as partituras, os mapas e as cartolinas, ademais de material para traballos manuais como o papel de cores, a plastilina ou a pasta de modelar.
A listaxe complétase con outros elementos de uso habitual nas aulas, como os rolos de plástico para forrar libros, folios, bolígrafos, lapiseiros, rotuladores, ceras e pinturas, témperas e acuarelas. Así mesmo, contémplase o financiamento de marcadores, correctores, pegamentos, tesoiras adaptadas para nenos, clips, compases, gomas de borrar e afialapis. Igualmente poderán subvencionarse cartafoles, arquivadores, fundas transparentes e regras, xunto con calquera outro artigo que poida considerarse propiamente material escolar.
Respecto á contía, o Concello fixou unha axuda de carácter fixo que ascende a 80 euros por cada alumno ou alumna que resulte beneficiario.
Para poder acceder a esta subvención, as familias interesadas deberán tramitar a súa solicitude a través do rexistro electrónico xeral do propio Concello. O prazo para presentar a documentación será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á publicación da convocatoria.