A asociación veciñal do Polvorín retoma a actividade tras dous anos e suma arredor de 50 socios en apenas dúas semanas

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto co concelleiro de Participación Cidadá, Antonio Fernández, recibiu este mércores no salón de plenos á nova directiva da asociación veciñal do Polvorín, que volve poñerse en marcha tras dous anos sen actividade.
Na reunión participaron a presidenta, Nerea Cuquejo, e a vogal, Cristina Fernández, nun primeiro encontro institucional tras a reactivación do colectivo, que nace cunha “xunta directiva xove, con moitas ganas de facer cousas polo barrio, de dinamizalo e fomentar a participación. Queremos que conten connosco en todo o que sexa necesario”.
A nova directiva explicou que o obxectivo é dar un impulso ao movemento veciñal no barrio, incrementar a participación e canalizar as demandas da veciñanza. Segundo trasladaron, a asociación xa conta con arredor de 50 socios e socias en apenas dúas semanas e prevé seguir sumando adhesións nas vindeiras semanas.
Ademais, avanzaron a intención de poñer en marcha actividades e de reforzar a presenza do colectivo nos asuntos que afecten ao barrio. Entre as primeiras iniciativas, sinalan a organización dunha inauguración do local veciñal proximamente.