A carreira San Martiño cumpre 49 anos con récord de inscritos e un cartel de nivel internacional

A carreira San Martiño chega este domingo á súa 49ª edición coa maior cifra de inscritos da súa historia e unha nómina de atletas de primeiro nivel. A presentación da proba tivo lugar esta tarde no salón de plenos do Concello de Ourense, onde se deu a coñecer que este ano a carreira contará cun percorrido renovado e un incremento na dotación económica dos premios, co obxectivo de ofrecer unha xornada deportiva de gran nivel.
Entre os participantes destacan varios nomes con palmarés sobresaínte no atletismo nacional e internacional. Abdessamad Oukhelfen chega como campión de España de 10 quilómetros e dúas veces campión de Europa de cross coa selección española. Tamén competirá Pablo Sánchez, campión de España de 5 quilómetros e medallista de prata no Europeo de media maratón. Pola súa banda, David de la Fuente, gañador da edición de 2025, acumula varios subcampeonatos de España tanto en 5 quilómetros como en 5.000 metros lisos, ademais dun título galego.
En categoría feminina, a etíope Kiros Muaz, campioa do seu país en 10.000 metros lisos, chega cunha marca persoal en media maratón de 1 hora 09 minutos e 09 segundos. Hana Mekonin achega un rexistro de 4 minutos e 04 segundos en 1.500 metros lisos, mentres que Ester Navarrete, atleta con experiencia en Xogos Olímpicos e Campionatos do Mundo, repetirá tras impoñerse na edición do ano pasado.
En canto á participación, a proba superou o seu propio récord con 11.057 deportistas inscritos, o que a mantén como a carreira máis multitudinaria de toda Galicia. O desglose por categorías inclúe 4.063 corredores na proba absoluta, 2.926 nas categorías Sub18, Sub16 e Sub14, 2.073 en Sub12 e Sub10, e 1.995 na modalidade inclusiva.
O mánager Víctor Alonso puxo en valor a calidade do grupo de atletas que participará este ano, cualificándoo de “elenco de primeiro nivel”. “Será unha bonita carreira. Agardamos que o tempo acompañe e os atletas porán todo da súa parte para tentar bater os dous récords da proba”, declarou.
Horarios e percorridos
Todas as categorías sairán desde a Ponte do Milenio. A carreira absoluta será a primeira en tomar a saída, ás 11.00 horas, cun trazado que percorrerá, entre outras vías, Xesús Pousa, a Avenida de Marín, a Ponte Nova, a rotonda de Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Castelao, Cardenal Quevedo, Habana, o Paseo, Lamas Carvajal, a Praza Maior, Colón, Padre Feijóo, Lugo, a Avenida de Zamora e a rúa Seixalbo, ata chegar á meta na Praza de Concepción Arenal.
Ás 12.10 horas tomará a saída a carreira escolar, que reúne as categorías Sub-18, Sub-16 e Sub-14, cun percorrido por Basilio Álvarez, a Avenida de Santiago, Francisca Herrera, Vicente Risco, a Ponte Nova, Curros Enríquez, o Paseo, Lamas Carvajal, a Praza Maior, Colón, Padre Feijóo, Lugo e Coruña, para rematar igualmente na Praza de Concepción Arenal.
As categorías máis novas competirán nun trazado máis breve: a carreira infantil (Sub-12 e Sub-10) sairá ás 13.10 horas, seguida ás 13.20 horas pola carreira inclusiva, ambas as dúas co mesmo percorrido por Basilio Álvarez, a Avenida das Caldas, a Ponte Romana e Pardo de Cela.