A Carreira Popular do San Martiño marca un máximo histórico con máis de 11.000 inscritos

A Carreira Popular do San Martiño vivirá este ano a súa edición máis concorrida desde que hai rexistro, despois de que as inscricións acadasen a cifra de 11.057 participantes de cara á proba que se celebrará o domingo 8 de novembro polas rúas de Ourense.
Dende o goberno municipal destacouse o dato como un fito dentro da evolución ao alza que vén rexistrando esta cita deportiva nos últimos anos. Neste sentido, subliñouse que a cifra acadada este 2026 “supoñen o récord histórico desde que a proba se fixo de pago no ano 2012”, lembrando ademais que o fenómeno do running experimentou un forte auxe a comezos dos anos 2000, ao que seguiu despois un período de recesión. Segundo se explicou, nos últimos tempos tanto esta disciplina deportiva coma a propia carreira ourensá atópanse nunha fase de crecemento sostido, ata o punto de converterse, “sendo a máis multitudinaria de Galicia con diferenza”, na referencia autonómica na súa categoría.
En canto ao desglose dos participantes, a edición de 2026 reunirá a 4.063 corredores e corredoras na categoría absoluta, mentres que as categorías Sub18, Sub16 e Sub14 sumarán 2.926 inscritos. A eles engádense 2.073 deportistas nas categorías Sub12 e Sub10, ademais de 1.995 persoas que participarán na modalidade inclusiva.
Alén do número de participantes, a organización avanzou que esta edición incorpora novidades respecto a anos anteriores: estréase un novo percorrido pola cidade, increméntanse as dotacións económicas dos premios e refórzase a colaboración cos centros educativos ourensáns, que veñen implicándose de forma crecente nesta cita deportiva.