A Copa Deputación reúne un cento de patinadores e patinadoras en Ourense

O Polideportivo da Carballeira "Secundino Basalo" acolleu o pasado domingo 27 de setembro a novena edición da Copa Deputación de Ourense de patinaxe artística, unha cita que este ano tivo ao Club Deportivo Ourela como entidade organizadora. A competición reuniu arredor dun cento de deportistas e encheu as gradas do pavillón desde primeira hora da mañá.
A xornada prolongouse desde as 10.00 horas ata preto das 20.00 horas. Pola mañá competiron os patinadores e patinadoras dos niveis 1 ao 4, mentres que a tarde quedou reservada para as categorías de nivel 5 a 8, así como para as modalidades Amateur, Rexional e Nacional. A tarde acolleu tamén, por primeira vez nunha Copa Deputación, a modalidade de Solo Dance, ademais da actuación de oito patinadoras de Nivel 0, dedicado a quen se acaba de iniciar neste deporte.
A competición estivo marcada pola igualdade, con varias categorías decididas por diferenzas mínimas de puntuación. No reparto final de trofeos, o club AEHDE O Carballiño fíxose con 18 primeiros postos, seguido do CD Ourela con 16 e do Roller Ourense con 3.
Entre os resultados máis destacados figuran as vitorias de Blanca Agras (AEHDE) en Nivel 1, Theo Cosme Aquino (AEHDE) en Nivel 2, Daniela Rodríguez (CD Ourela) en Nivel 3 e Daphne Torres (AEHDE) en Nivel 4. Nas categorías superiores, Sabela Carreiro Marquina, Tania Lamas, Eva Valugo e Myriam Feijóo, todas elas de AEHDE O Carballiño, impuxéronse respectivamente nos niveis 5, 6, 7 e 8. En Amateur, CD Ourela sumou os triunfos de Luna Pérez en categoría cadete e de Sandra Gómez en junior, mentres que nas modalidades Rexional impuxéronse Irene Álvarez (infantil) e Ainara Barrio (cadete), ambas as dúas tamén do club ourensán. Na novidosa modalidade de Solo Dance, Sofía Gómez (CD Ourela) levou o triunfo en categoría cadete e Sandra Gómez (CD Ourela) en junior.
Coa Copa Deputación xa rematada, os tres clubs da provincia centran agora a súa atención no calendario oficial da Federación Galega de Patinaxe. O primeiro compromiso a fin de semana do 3 e 4 de outubro, cando se dispute a III Fase de Niveis no Pavillón dos Remedios, organizada de novo polo CD Ourela. Máis adiante, o calendario continuará co campionato de categoría Rexional, previsto para o 27 de outubro, e co de categoría Amateur, fixado para o 7 de novembro, citas coas que se pechará a tempada oficial 2026 da modalidade de patinaxe Libre.