A Deputación de Ourense rende homenaxe a Marita Souto, referente científico do termalismo ourensán

OurenseXa
O acto, celebrado no marco do II Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia, recoñeceu a traxectoria da doutora ourensá que dedicou a súa vida ao estudo das augas termais e mineromedicinais da provincia
Homenaxe á doutora Marita Souto Ourense
23 Sep 2026

A Deputación de Ourense participou este martes nunha homenaxe á doutora María Generosa Souto Figueroa, coñecida como Marita Souto, con motivo da súa achega científica e persoal ao estudo e promoción do termalismo na provincia. O recoñecemento tivo lugar no marco do II Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia, celebrado en Ourense.

O presidente da institución provincial, Luis Menor, asistiu ao acto e puxo en valor a figura da investigadora, a quen describiu como unha das persoas que máis fixo pola defensa e difusión dos mananciais ourensáns. Segundo explicou, a homenaxe supón un xesto de recoñecemento cara a unha traxectoria marcada polo estudo, a divulgación e a defensa das augas termais da zona.

Menor subliñou que resulta imposible falar do termalismo en Ourense sen facer referencia á achega de Souto, cuxa dedicación transformou o interese por estas augas nun auténtico proxecto de vida. O mandatario engadiu que a súa influencia segue presente no coñecemento xerado e nas liñas de investigación que axudou a impulsar.

Traxectoria científica

Catedrática en Ciencias Químicas, licenciada en Farmacia e diplomada en Nutrición e Dietética Humana, Marita Souto combinou a docencia cunha intensa actividade investigadora ao longo da súa carreira. O seu interese polo termalismo remóntase á súa infancia, cando acompañaba o seu pai aos baños de Caldas de Partovia, unha experiencia que espertou a súa curiosidade polo fenómeno da auga que abrolla da terra.

Esa inquietude derivou posteriormente na súa tese de doutoramento, centrada na análise química das augas termais e mineromedicinais da provincia, un traballo que sentou as bases de posteriores estudos sobre este recurso natural.

Ao longo da súa traxectoria, foi delegada en España da Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia, formou parte da Sociedade Internacional de Hidroloxía e Climatoloxía Médica, e foi académica numeraria da Real Academia Europea de Doutores. Entre os recoñecementos recibidos figuran a Medalla Paul Couturier, outorgada pola Sociedade Francesa de Termalismo e Talasoterapia, a Medalla de Ouro de Termatalia e o galardón Torres de Honra.

Vínculo coa provincia

Durante a súa intervención, Menor destacou tamén o forte vínculo persoal que Souto mantivo con Ourense, así como o seu empeño en dar a coñecer o valor dos seus recursos termais entre a propia poboación. Ese compromiso plasmouse en distintas publicacións, entre elas dúas obras editadas pola Deputación: 'Ourense, unha provincia singular, enigmática e sorprendente' e 'Ourense, terma bimilenaria'.

O presidente provincial sinalou que esta homenaxe cobra especial relevancia ao celebrarse nun congreso que reúne a profesionais dos ámbitos aos que Souto dedicou a súa carreira, desde a investigación científica ata a xestión do sector termal.

Menor concluíu a súa intervención reafirmando o compromiso da institución coa conservación deste legado, apuntando que a Deputación continuará apoiando o estudo e a posta en valor das augas da provincia.

0.15796422958374