A Deputación promociona a gastronomía ourensá no Salón Gourmets 2026

O Salón Gourmets 2026 acolle estes días unha destacada presenza da provincia de Ourense a través da participación impulsada pola Deputación de Ourense, mediante o Inorde, que volve situar os produtos enogastronómicos ourensáns nun dos principais escaparates internacionais do sector alimentario.
No marco da 39ª edición da feira, máis de 60 profesionais do sector puideron coñecer a calidade destes produtos a través dun showcooking titulado “Maridaxe gourmet: esencia da provincia de Ourense”. A sesión estivo dirixida polo chef Paco Gómez, especialista en cociña tradicional galega e representante da Asociación de Amigos da Cociña Galega, que elaborou varias propostas culinarias con produtos das empresas presentes no stand provincial.
Entre as elaboracións presentadas figuraron propostas como un ceviche de polbo con leite de tigre e xeado de mango de La Central, unha pinsa de polbo con grelos de Mar e Terra e queixos de Sabores de Trevinca, así como diferentes sobremesas a base de galletas Pitucas de manteiga e bocado de bica de castaña de Sofragal, acompañados de marmelada de arandos de Trevinca e un cóctel de xenebra Rosé de Bravú. Todas estas creacións foron maridadas con viños de Siah Blanco, De Vagar e Celme.
A participación ourensá nesta cita ten como obxectivo reforzar a promoción dos produtos agroalimentarios da provincia, favorecendo a creación de novas oportunidades de comercialización e o acceso de pequenos produtores a mercados máis amplos.
No stand propio da provincia de Ourense, situado no pavillón 6 (stand 6B30), participan dez microempresas de distintos ámbitos do sector agroalimentario, que están a dar a coñecer os seus produtos ata o 16 de abril.
Entre elas destacan varias adegas como Adegas Celme, Montebello Partnerw, Vinos Siah e Bodegas SGS (D’Vagar), que presentan viños e destilados, algúns deles de produción ecolóxica. No apartado doce e de repostería participan La Central Heladera cos seus xeados artesáns, as galletas Pitucas de Burgano Delicatessen e as bicas de castaña da cooperativa Sofragal. Completan a oferta empresas como Mareterra Conservas, Crust and Loaf (La Pinsa di Nico) e a Asociación Sabores de Trevinca, que promociona produtos como a faba loba, queixos e mel, entre outros.
O Salón Gourmets 2026 reúne nesta edición máis de 55.000 produtos e prevé a asistencia de máis de 110.000 visitantes profesionais, dos que unha parte significativa serán compradores internacionais procedentes de máis de 90 países, consolidando así o seu papel como unha das grandes feiras de referencia do sector alimentario.