A Universidade de Vigo pon en marcha no campus de Ourense un programa para facilitar o acceso universitario de mozos e mozas titoradas

OurenseXa
A iniciativa arrinca na Facultade de Educación e Traballo Social con vocación de estenderse a outros centros e busca acompañar os mozos e mozas que saen do sistema de protección de menores durante a súa etapa universitaria
Pias UVigo
Foto: Universidade de Vigo
29 Oct 2026

Só arredor dun 3 % dos mozos e mozas que están baixo o sistema de protección de menores chega a cursar estudos posobrigatorios, entre eles os universitarios. A razón, segundo se expuxo esta semana na presentación dun novo programa da Universidade de Vigo, ten que ver co que acontece ao cumprir 18 anos: nese momento afrontan a súa emancipación sen contar, na maioría dos casos, co respaldo familiar e social do que si dispoñen outros mozos da súa idade.

Co obxectivo declarado de incidir nesa cifra, a institución académica puxo en marcha ‘Pias’, un programa piloto de inclusión académica dirixido a persoas procedentes do sistema de protección de menores da Xunta. Desenvolverase na Facultade de Educación e Traballo Social, no campus de Ourense, e conta con financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade.

O programa foi descrito, no acto de presentación, como “unha ferramenta de cooperación entre a Universidade e as organizacións e institucións que interveñen na protección da adolescencia” co fin de proporcionar apoios específicos para a inclusión académica do alumnado en situación de vulnerabilidade social.

Durante o acto interveu a reitora da Universidade de Vigo, quen sostivo que “a universidade pública foi, e debe seguir sendo, un dos grandes ascensores sociais da nosa sociedade” e a definiu como “un espazo capaz de abrir oportunidades e permitir que o futuro dunha persoa non estea determinado pola súa orixe”. Ao seu xuízo, porén, ese papel non se cumpre só mantendo as portas abertas: “debemos procurar que todas as persoas teñan a posibilidade real de acceder a ela e desenvolver plenamente as súas capacidades”, afirmou.

A reitora sinalou así mesmo que a mocidade procedente do sistema de protección afronta un reto engadido, xa que a súa chegada á idade adulta coincide coa perda de apoios fundamentais. Por ese motivo, dixo, o novo programa parte dunha premisa de dobre sentido: “non se trata só de que o estudantado se adapte á universidade, senón tamén de que a universidade aprenda a responder mellor ás necesidades do seu estudantado”. Expresou ademais o seu desexo de que a iniciativa funcione e poida ampliarse no futuro a outros centros da UVigo e mesmo a outras universidades do Sistema Universitario Galego.

Na súa intervención, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta puxo o acento na colaboración entre institucións, plasmada neste caso nun convenio asinado entre a UVigo e a Consellería de Política Social e Igualdade. Achegou o dato de que actualmente hai uns 2.500 menores en Galicia dentro do sistema de protección e cualificou de auténticos “heroes e heroínas” a quen, a pesar das circunstancias, consegue acceder á universidade. Segundo explicou, ‘Pias’ nace para “facilitarlles, dentro da complexidade da súa vida, ese camiño”, e subliñou que a súa importancia non está tanto no número de persoas ás que poida chegar como no impacto cualitativo sobre o colectivo ao que se dirixe.

Tamén participaron na presentación a decana da Facultade de Educación e Traballo Social, que se mostrou satisfeita cunha iniciativa que, nas súas palabras, pretende “rachar as fronteiras da exclusión” e axudar a “garantir os apoios necesarios para que a desigualdade de partida non condicione o futuro” destes mozos; e a directora da Unidade de Diversidade da UVigo, quen defendeu que “a diversidade fortalece a comunidade universitaria” e reivindicou dar visibilidade, dentro das políticas de inclusión, á diversidade socioeconómica.

As dificultades ao saír do sistema, punto de partida do programa

O profesor da Facultade de Educación e Traballo Social que coordina ‘Pias’ foi o encargado de detallar o seu contido. Expuxo que a mocidade con medida administrativa de protección ten menos posibilidades de completar itinerarios educativos posobrigatorios e que, nas súas palabras, “o acceso á universidade continúa sendo unha excepción para este colectivo”. Mesmo cando logran acceder, engadiu, “afrontan importantes dificultades de inserción académica”, o que leva a formular que “a inclusión académica require medidas específicas que compensen as desigualdades de partida e favorezan a igualdade real de oportunidades”. Para este coordinador, unha traxectoria formativa sólida pode axudar a rachar esa “cadea da exclusión social”.

En canto ás circunstancias concretas que atravesan estes mozos ao saír do sistema aos 18 anos, o coordinador citou, entre outras, a necesidade de acadar a autonomía económica nun prazo moi curto, a perda de aloxamento, apoio educativo e acompañamento, a frecuente compatibilización de estudos e traballo, a incerteza habitacional, a presión socioeconómica e o contar con menos referentes, ademais dun maior risco de abandono dos estudos.

A partir dese diagnóstico, explicou que o obxectivo xeral do programa é “facilitar un contexto favorable para a inclusión académica do alumnado egresado do sistema de protección á infancia”, para o cal se articula en catro liñas de actuación.

A primeira liña consiste en actuacións individualizadas de información, orientación académica, acompañamento e seguimento socioeducativo das persoas participantes, tanto antes de acceder á universidade como ao longo dos seus estudos.

A segunda céntrase no apoio e a orientación no acceso a bolsas e axudas ao estudo convocadas pola propia Universidade de Vigo, incluíndo información, asesoramento e acompañamento nos trámites administrativos. Neste ámbito, a universidade contempla medidas específicas de acción positiva para este alumnado e prevé impulsar, ademais, apoio residencial mediante prazas e bolsas nas residencias universitarias, en función da dispoñibilidade e das convocatorias correspondentes.

A terceira liña prevé actividades formativas, espazos de coordinación e accións de sensibilización dirixidas ao persoal da Universidade de Vigo, a entidades do terceiro sector e a profesionais do sistema de protección á infancia e adolescencia, orientadas a reforzar competencias en inclusión educativa, atención á diversidade e acompañamento deste alumnado.

A cuarta e última liña contempla obradoiros, actividades de extensión universitaria e accións de transferencia de coñecemento centradas na promoción da inclusión social, a igualdade de oportunidades e a sensibilización sobre a realidade da mocidade extitorada e en situación de vulnerabilidade social, dirixidas a persoas maiores de idade procedentes do sistema de protección de menores.

0.16428995132446