A UVigo terá unha reitora por primeira vez na súa historia

A Universidade de Vigo terá por primeira vez unha reitora tras as eleccións celebradas este mércores, aínda que haberá que agardar ata o próximo 15 de maio para coñecer quen ocupará finalmente o cargo. Carmen García Mateo e Belén Rubio disputarán a segunda volta despois de ser as dúas candidatas máis apoiadas nunha primeira xornada electoral na que Jacobo Porteiro quedou fóra da carreira.
Ningunha das aspirantes logrou a maioría necesaria para proclamarse reitora na primeira volta. Carmen García Mateo, da candidatura Nós Universidade, foi a máis votada no conxunto da comunidade universitaria, con 1.763 votos, mentres que Belén Rubio, de H2040, acadou 1.490 apoios. Pola súa banda, Jacobo Porteiro, de ConSenso, obtivo 1.168 sufraxios.
Unha vez aplicadas as ponderacións correspondentes a cada sector, García Mateo situouse cun 40,29 % do apoio total, seguida de Rubio cun 33,91 % e Porteiro cun 25,81 %.
Tras coñecerse os resultados, Carmen García Mateo destacou que a universidade galega contará con dúas mulleres disputando a Reitoría e interpretou os datos como unha mostra de que existe vontade de cambio dentro da institución. Belén Rubio, pola súa banda, asegurou afrontar esta nova fase “con prudencia e responsabilidade” e apostou por continuar explicando o seu proxecto aos distintos colectivos universitarios. Tamén se mostrou aberta a dialogar coa candidatura de Jacobo Porteiro.
O terceiro aspirante recoñeceu que esperaba un maior respaldo ao seu programa, aínda que aceptou o resultado “con humildade”. Ademais, descartou pedir o voto para ningunha das dúas finalistas, deixando a decisión en mans da comunidade universitaria.
Por sectores, a participación foi especialmente elevada entre o persoal docente e investigador permanente (PDI-A), cun 86,26 %, e entre o persoal técnico, de xestión e administración (PTXAS), cun 83,22 %. Entre o alumnado, a participación quedou no 13,14 %.
Carmen García Mateo foi a candidata máis apoiada entre o alumnado e o PTXAS, mentres que Belén Rubio logrou os mellores resultados no colectivo do PDI-B. Por campus, García Mateo impúxose en Vigo e Pontevedra, mentres que Rubio foi a máis votada en Ourense.
Ademais da elección á Reitoría, este xoves coñeceranse os resultados das votacións para escoller os 224 integrantes do Claustro universitario. A segunda e definitiva volta para decidir quen liderará a Universidade de Vigo celebrarase o vindeiro 15 de maio.