Aberta a convocatoria de novas subvencións para actuacións de rehabilitación a nivel de barrio en Ourense
O Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP) vén de publicar o extracto do acordo relativo á convocatoria pública de subvencións para os contornos residenciais de rehabilitación programados (ERRP), cun orzamento destinado de 1.812.800 euros.
O programa de actuación subvencionado incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, NextGenerationEU, limitase á rehabilitación de edificios ou vivendas unifamiliares. Con el tentase estimular a rehabilitación en materia de aforro enerxético dos ERRP do Concello de Ourense antes denominados áreas de rehabilitacións integral (ARI): o Conxunto Histórico de Ourense, o Núcleo de Interese Etnográfico de Seixalbo, O Polvorín- As Camelias-A Carballeira.
As actuacións subvencionables son as melloras ou rehabilitación de edificios de uso predominante residencial para vivenda, sempre que se obteña unha redución de, cando menos, o 30% do consumo de enerxía primaria non renovable, referida á rehabilitación enerxética.
A contía das subvencións vai en función do aforro enerxético acadado , así pode ir desde o 40% para aforros entre o 30% e o 45%, 65% para aforros entre o 45% e o 60% e 80% en aforros superiores ao 60%. En casos de vulnerabilidade as subvencións soben e poderán chegar ao 100%.
Para o Conxunto Histórico de Ourense destínanse 723.800 euros para un máximo de 45 actuacións, para o Núcleo de Interese Etnográfico de Seixalbo, 189.000 euros para un máximo de 21 actuacións, para O Polvorín, As Camelias, A Carballeira, 792.000 para un máximo de 144 actuacións, e para os barrios de Serra San Mamede, Cruceiro Quebrado e A Inmaculada, 108.000 para un máximo de 24 actuacións. O prazo de presentación de solicitudes será de 6 meses.