Actos vandálicos destrúen a decoración de cabazas do Festival Xuncrea en Xunqueira de Espadanedo

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O Concello anuncia que repoñerá e compensará aos veciños que cederon as súas cabazas para decorar o claustro e que resultaron danadas tras o evento
cabaza-Samaín
Imaxe de arquivo ilustrativa
2 Nov 2026

O Concello de Xunqueira de Espadanedo fixo público un comunicado no que lamenta os danos causados de forma intencionada sobre a decoración instalada con motivo do Festival Xuncrea, celebrado recentemente na localidade ourensá.

Segundo detalla a institución, unha vez rematados os actos do fin de semana, constatouse que as cabazas que adornaban o claustro foran destrozadas deliberadamente. Desde o goberno local cualifican este tipo de comportamentos como incívicos e afastados do espírito de convivencia que, ao seu xuízo, caracterizou o festival.

O evento reuniu durante o fin de semana a boa parte da comunidade, que participou activamente na súa organización. O consistorio quixo agradecer publicamente o labor das asociacións locais e da comisión de festas, así como a colaboración dos veciños que cederon de forma voluntaria as súas propias cabazas para decorar o espazo.

En canto aos danos provocados, a administración local comprometeuse a repoñer e compensar proximamente a todas aquelas persoas cuxas cabazas resultaron danadas.

O comunicado conclúe cunha mensaxe de defensa do esforzo colectivo da veciñanza, subliñando que non se permitirá que accións illadas empañen o civismo amosado polo pobo durante a celebración.

0.16286110877991