Allariz celebra a trixésima edición da súa Feira de Outono con degustacións, cociña en vivo e saídas micolóxicas

OurenseXa
O pavillón do IES de Allariz acollerá os días 7 e 8 de novembro unha nova cita cos produtos de tempada, os obradoiros infantís e os sorteos de cestas outonais
Feira de Outono Allariz
30 Oct 2026

Allariz prepárase para vivir a vindeira fin de semana, os días 7 e 8 de novembro, unha nova edición da súa Feira de Outono, que nesta ocasión acada o seu trixésimo aniversario. A cita, xa consolidada no calendario outonal da comarca, desenvolverase no Pavillón do IES de Allariz en horario continuado de 10.30 a 20.00 horas ambos os dous días.

Durante a feira, as persoas visitantes poderán gozar dun amplo programa de actividades que combina cociña en directo, degustacións e postos de venda de produtos locais e de tempada, xunto con propostas pensadas para o público infantil e saídas ao monte guiadas.

O evento pon o foco nos sabores propios desta época do ano, como o mel, as noces, as castañas, os cogomelos e a repostería artesanal, poñendo en valor o traballo diario das persoas produtoras e artesás da zona.

No apartado gastronómico, a feira contará coa participación de dous cociñeiros de recoñecido prestixio. O sábado ás 12.00 horas, Gerson Iglesias ofrecerá unha demostración centrada na cociña de outono, mentres que o domingo, á mesma hora, será Javier Diz quen tome o relevo coa súa propia proposta culinaria.

O programa inclúe tamén as habituais saídas micolóxicas guiadas, que ambos os días partirán ás 10.00 horas dende o propio pavillón do IES da man do experto José Gómez Bragaña, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Para os máis pequenos, de entre 6 e 12 anos, organizáronse senllos obradoiros infantís: o sábado ás 17.00 horas, baixo o título ‘As Cores de Outono’, a cargo de Xeitura, e o domingo á mesma hora, un obradoiro de elaboración de marcapáxinas organizado por As Curuxas. Tanto as prazas para estas actividades como para as saídas micolóxicas son limitadas e requiren inscrición previa a través da web allariz.gal.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, valorou que chegar a esta trixésima edición “demostra a vixencia dunha cita imprescindible para nós; un espazo que engloba a nosa identidade, o coidado da contorna e o talento de quen traballa a terra a diario”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, María López, salientou que “o consumo de produto local e de tempada é a mellor garantía de sostibilidade e calidade”, e engadiu que con esta feira se busca “achegar á veciñanza e aos visitantes o traballo excelente das nosas produtoras e produtores, impulsando ao mesmo tempo a nosa economía de proximidade”.

Como xa é tradición, a feira incluirá tamén os sorteos dos Premios de Outono, con lotes de produtos e cestas outonais para quen estea presente no recinto no momento do sorteo. Estes terán lugar o sábado ás 20.00 horas, e o domingo ás 14.00 e ás 19.30 horas.

A Feira de Outono está organizada polo Concello de Allariz coa colaboración da Reserva de Biosfera Area de Allariz, e volve a reivindicar a riqueza do produto local e o compromiso coa sostibilidade. Toda a información pode consultarse en allariz.gal.

0.16140198707581