As socialistas piden responsabilidades políticas tras o incendio na Casa de Baños de Outeiro

O PSdeG-PSOE de Ourense reclamou este venres ao Goberno municipal que impulse un plan específico para a protección e recuperación do patrimonio termal da cidade tras o incendio que calcinou de madrugada a antiga Casa de Baños de Outeiro, un inmoble que consideran “un dos espazos máis simbólicos da memoria termal e patrimonial da cidade”.
Desde o grupo municipal socialista instan o executivo local a traballar na procura de financiamento a través das distintas liñas de axuda autonómicas, estatais e europeas destinadas á recuperación do patrimonio histórico e turístico. Entre elas, mencionan as axudas de rehabilitación do patrimonio do Ministerio de Turismo.
A voceira socialista, Natalia González, afirmou que Ourense “non pode seguir perdendo patrimonio diante da pasividade dun goberno municipal incapaz de protexer a historia da cidade” e engadiu que o incendio da Casa de Baños debe marcar “un antes e un despois”.
A representante socialista tamén reclamou unha reflexión sobre o estado do patrimonio histórico e termal da cidade. “Cómpre asumir responsabilidades políticas e abrir dunha vez unha reflexión seria sobre o abandono do patrimonio histórico, cultural e termal de Ourense”, sinalou.
Segundo lembran desde o PSdeG-PSOE, hai cinco anos xa levaran ao pleno municipal unha iniciativa para frear o deterioro deste enclave histórico, advertindo do risco de perda irreversible do inmoble. “Hoxe, lamentablemente, aquela advertencia convértese nunha tráxica realidade”, apuntan.
As socialistas sosteñen que “o que ardeu esta noite non foi só un edificio. Ardeu unha parte da memoria colectiva da nosa cidade” e destacan o valor histórico da Casa de Baños como parte da identidade dunha cidade vencellada tradicionalmente ao termalismo.
Por último, o grupo municipal agradeceu o labor dos bombeiros e dos efectivos de emerxencias, que evitaron que o incendio se propagase ás vivendas próximas.