Avante Ourense propón devolver a Fonte de Oseira ao mosteiro se o Concello non garante a súa protección xunto á árbore de Nadal

Avante Ourense fixo pública unha proposta para que se valore a posibilidade de devolver a Fonte de Oseira ao Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, como vía para garantir a súa conservación. A iniciativa chega despois de que o Concello de Ourense decidise manter a instalación da árbore de Nadal na praza Bispo Cesáreo, espazo onde se atopa actualmente esta fonte.
Segundo explica a formación, non se trata de cuestionar a celebración das festas de Nadal, senón de pedir que estas sexan compatibles co coidado do patrimonio histórico da cidade. Francisco Diéguez, portavoz de Avante Ourense, resúmeo así: "Non estamos en contra da celebración do Nadal, pero si defendemos que as festas deben ser compatibles coa protección do noso patrimonio. Se o Concello insiste en manter a árbore en Bispo Cesáreo, debe garantir a conservación da fonte. E, se esa protección non pode asegurarse, pedimos que se estude o seu retorno ao Mosteiro de Oseira".
O plantexamento do partido pasa por que o Consistorio ofreza garantías concretas de que a instalación navideña non suporá ningún risco para a fonte. No caso de que esas garantías non poidan ofrecerse, Avante Ourense defende que se analicen alternativas, entre elas o traslado da peza ao seu lugar de orixe.
A formación propón, neste sentido, iniciar un proceso de diálogo coa comunidade do Mosteiro de Oseira e coas administracións implicadas, co obxectivo de estudar se resulta viable, desde o punto de vista histórico, técnico e legal, devolver a fonte ao contorno monástico co que mantén unha vinculación de orixe.
Para Avante Ourense, a protección dos elementos patrimoniais da cidade non debería quedar nun segundo plano fronte a instalacións decorativas de carácter temporal. Por iso, considera necesario valorar con seriedade a recuperación da fonte para o seu contexto histórico se non se pode asegurar a súa integridade no emprazamento actual.
A formación trasladou a súa petición tanto ao Concello de Ourense como á Xunta de Galicia, a quen solicita que impulsen os informes técnicos oportunos, expliquen as medidas previstas para protexer a fonte e estuden de xeito formal a proposta de traslado, sempre contando coa comunidade monástica e respectando os trámites legais e patrimoniais que correspondan.
Avante Ourense defende, en definitiva, que a cidade precisa políticas capaces de combinar a actividade festiva coa defensa da súa historia, de forma que o patrimonio non quede exposto a posibles danos derivados de decisións de carácter puntual.