Avante Ourense propón endurecer os requisitos para pasar de curso en Primaria e ESO

Avante Ourense fixo chegar aos deputados e deputadas galegos no Congreso unha proposta que leva por nome 'Pasar de curso ten que significar aprender', coa que pide unha modificación da normativa estatal que regula a promoción e a permanencia do alumnado en Primaria e en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). A formación solicita aos representantes galegos que impulsen este debate na Cámara baixa.
No que respecta á ESO, a proposta plantexa que, como norma xeral, un alumno con tres ou máis materias suspensas non debería promocionar de curso, aínda que contempla manter excepcións cando estean debidamente xustificadas polo equipo docente correspondente. Para a etapa de Primaria, o plantexamento pasa por que o paso de curso estea máis vinculado á adquisición efectiva dos contidos e competencias básicas, dando maior peso ao criterio do profesorado á hora de valorar esa evolución.
Dende Avante Ourense defenden que a promoción automática de curso non debería servir para arrastrar dun ano a outro as carencias académicas non resoltas. Por iso, a iniciativa combina a petición duns criterios de promoción máis esixentes coa necesidade de reforzar, en paralelo, os plans de apoio e recuperación, de xeito que ese maior nivel de esixencia vaia acompañado dos medios necesarios para que o alumnado poida superar as súas dificultades.
O voceiro da formación, Francisco Diéguez, sinalou que repetir curso non debe entenderse como un castigo, pero que tampouco pode converterse o paso de curso en algo automático cando non se acadaron as aprendizaxes esixidas. Segundo explicou, o obxectivo da proposta non é que aumente o número de alumnos que repiten, senón conseguir que se produza unha aprendizaxe real.
A formación tamén reclama que se protexan as decisións adoptadas polo profesorado fronte a posibles presións das familias, de xeito que os desacordos que poidan xurdir non teñan capacidade para se impor sobre criterios de avaliación e promoción debidamente xustificados.
Esta proposta enmárcase dentro de 'Ensinar importa', o conxunto de iniciativas en materia educativa que Avante Ourense ten previsto ir presentando nas próximas semanas, e que incluirá tamén medidas relacionadas coa autoridade docente, a convivencia nas aulas, o fomento do esforzo e o uso da tecnoloxía no ámbito escolar.