Barbadás impulsa un novo Campus Multideporte para facilitar a conciliación familiar no verán

OurenseXa
A iniciativa, organizada en colaboración coa Academia Futsal, inclúe actividades deportivas, piscina e propostas recreativas para nenos e nenas durante as vacacións escolares
presentacion-campus-multideporte-barbadas
12 May 2026

O Concello de Barbadás volverá apostar este verán polo deporte como ferramenta de conciliación familiar coa posta en marcha da cuarta edición do Campus Multideporte, unha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Academia Futsal e dirixida á rapazada durante o período de vacacións escolares.

A proposta combinará distintas disciplinas deportivas e actividades de lecer, entre elas fútbol, fútbol sala, piscina, xogos polideportivos e saídas recreativas.

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, destacou o valor desta actividade tanto para as familias como para os menores participantes. “Trátase dunha proposta de conciliación moi saudable na que os nenos e nenas practican exercicio, socializan e aprenden valores como o compañeirismo e a deportividade”, apuntou.

O campus desenvolverase en dúas quendas: do 29 de xuño ao 3 de xullo e do 6 ao 10 de xullo. Os prezos establecidos para xogadores da Academia Futsal e persoas empadroadas en Barbadás serán de 60 euros por semana e 100 euros polas dúas semanas completas. Para o resto de participantes, o custo ascenderá a 80 euros por semana e 150 euros no caso de asistir ás dúas quendas.

As actividades levaranse a cabo no Complexo Deportivo de Barbadás, utilizando instalacións como o campo de fútbol, o polideportivo e a piscina municipal.

O horario previsto será de 9:30 a 13:30 horas, aínda que tamén haberá servizo para madrugadores desde as 9:00 horas.

As persoas interesadas en formalizar a inscrición poderán contactar cos teléfonos 676 700 774 e 613 404 907 ou a través do correo electrónico academiafutsal@gmail.com.

0.13795185089111