BNG e PSdeG cuestionan o regreso de Democracia Ourensana ao goberno de Barbadás e acusan a Valcárcel de someterse "aos intereses de Jácome"

OurenseXa
Mónica Valencia e Victoria Morenza critican o novo apoio de DO ao alcalde Xosé Carlos Valcárcel e consideran que o acordo responde a intereses políticos e de continuidade no poder
xose-carlos-valcarcel-daniel-rey
8 Oct 2026

O BNG e o PSdeG de Barbadás cargan duramente contra o regreso de Democracia Ourensana (DO) ao goberno municipal e o novo apoio ao alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. As dúas formacións, que se suman ás críticas realizadas este mércores desde o PP provincial, consideran que o cambio na composición do executivo municipal responde a acordos entre partidos e cuestionan que estes entendementos estean vinculados á continuidade de Valcárcel á fronte do Concello.

A nova candidata do BNG á alcaldía, Mónica Valencia (á que se suma a anunciada hoxe polo PP e que pon a Javier Rodríguez Rajo á fronte da xestora) denunciou o que cualifica como “submisión e sometemento do Alcalde Xosé Carlos Valcárcel aos intereses de Jácome, a costa de enganar a Barbadás”. A nacionalista relaciona o regreso de DO ao goberno municipal co acordo alcanzado pola formación de Gonzalo Pérez Jácome na Deputación.

Valencia sinala que se produce un novo cambio na posición de Democracia Ourensana respecto ao executivo local. “Cando Jácome mandou abandonar o goberno, Daniel Rey marchou. Agora Jácome acorda seguir, despois de atar un pacto na Deputación, e DO volve apoiar o Sr. Valcárcel. Todo a costa do desgoberno en Barbadás”, afirma.

A candidata do BNG considera que esta situación representa “tempo perdido” para o municipio e asegura que esta percepción se estende aos últimos meses. Tamén cuestiona a capacidade de Valcárcel para manter un goberno estable e sinala que, tras diferentes cambios de apoios e composicións do executivo, a prioridade debería ser atender as necesidades da veciñanza.

Desde o BNG lembran igualmente que Valcárcel quedou sen o apoio do seu anterior equipo do PSdeG-PSOE e que posteriormente recibiu o respaldo de Democracia Ourensana. Valencia considera que a actual situación responde á procura da continuidade política do alcalde.

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE de Barbadás tamén cualifica o regreso de Daniel Rey ao goberno municipal como un novo episodio de negociación política. A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, considera que o acordo entre Valcárcel e DO supón “unha auténtica falta de respecto á cidadanía” e afirma que o alcalde estaría empregando os cargos institucionais para garantir a súa continuidade.

Morenza asegura que durante o pleno ordinario do luns xa se podía intuír que Valcárcel dispuña dunha alternativa para recompoñer o goberno. Segundo explica, chegouse a formular a posibilidade de que o PP entrase na Xunta de Goberno, unha opción que relaciona coas declaracións previas do presidente provincial do partido, Luis Menor. Finalmente, apunta, o regreso de Daniel Rey foi a fórmula adoptada.

A voceira socialista cuestiona tamén a sucesión de cambios de alianzas durante o mandato. Segundo relata, os actuais protagonistas comezaron a lexislatura formando parte dun goberno con sete concelleiros, para posteriormente producirse rupturas coas súas propias formacións, acordos co PP, unha ruptura con DO e agora un novo entendemento con esta mesma formación.

O PSdeG relaciona ademais o acordo municipal co pacto alcanzado por Democracia Ourensana na Deputación. Morenza sinala que, segundo as declaracións realizadas polo propio Gonzalo Pérez Jácome, o entendemento non se limitaría á institución provincial e tería tamén unha perspectiva de futuro ante as próximas eleccións municipais.

A socialista cuestiona as consecuencias que estes cambios poden ter para a confianza da veciñanza. “Que explicacións se lle dá á persoa que votou pensando nun determinado proxecto? Que explicacións se lle dá á cidadanía cando ve que os mesmos concelleiros cambian de socios, de alianzas e de posicións dependendo de quen lles garanta manterse no poder?”, pregunta.

Morenza tamén acusa o alcalde de “rirse da cidadanía” e considera que o novo acordo supón “unha nova decepción para moitos veciños e veciñas de Barbadás”. A voceira socialista conclúe que “Barbadás non merece un goberno que funcione en base a cambalaches, acordos de despacho e intereses electorais” e reclama que os cargos institucionais sexan entendidos como representación da cidadanía.

0.16054201126099