Javier Rodríguez Rajo será o candidato do PP á alcaldía de Barbadás nas municipais de 2027

GaliciaXa | OurenseXa
O novo presidente da xestora local e anterior vicerreitor do Campus de Ourense sitúa entre as súas prioridades mellorar as infraestruturas, atender as necesidades de maiores e mozos e reactivar o comercio
francisco-javier-rodriguez-rajo-uvigo
8 Oct 2026

Francisco Javier Rodríguez Rajo foi proposto pola agrupación local do Partido Popular de Barbadás como candidato da formación á alcaldía nas eleccións municipais de 2027. A proposta foi presentada durante unha reunión da agrupación local na que tamén se formalizou o seu nomeamento como novo presidente da xestora do partido no municipio. O anuncio chega despois de coñecerse, no día de onte, o pacto de apoio mutuo acadado entre DO e o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, para intentar manter a estabilidade do goberlo local e que foi moi criticado desde o PP provincial.

Rodríguez Rajo, natural de Barbadás e nacido en 1971, conta cunha traxectoria profesional vinculada á Universidade de Vigo, onde exerceu como decano da Facultade de Ciencias e como vicerreitor do Campus de Ourense, ademais de presidir a Asociación Española de Aerobiología.

O candidato explicou que decidiu asumir esta responsabilidade polo compromiso que mantén co municipio, onde naceu e reside. Segundo sinalou, pretende poñer a súa experiencia ao servizo dun proxecto no que participará un equipo amplo de persoas e que estará baseado “nun proxecto serio, con capacidade de xestión e vontade de escoitar á veciñanza”.

Rodríguez Rajo considera que Barbadás necesita “estabilidade e compromiso” e apunta que o primeiro paso será coñecer directamente as prioridades da cidadanía. Entre as cuestións que xa identifica están o déficit de infraestruturas, a necesidade de mellorar o benestar das persoas maiores e dos mozos e a reactivación do comercio.

Para desenvolver este proxecto, o candidato popular aposta pola incorporación de persoas con diferentes perfís e experiencias. A súa intención é contar con representantes dos ámbitos profesional, empresarial, deportivo, cultural, social e asociativo, así como garantir a presenza das diferentes parroquias do municipio.

Rodríguez Rajo pretende así conformar un equipo que define como “próximo, plural e preparado con ganas de traballar para mellorar a realidade de Barbadás”.

A reunión contou tamén coa presenza do presidente provincial do PP, Luis Menor, acompañado por integrantes da dirección provincial. O responsable dos populares ourensáns reivindicou que Barbadás, que cualificou como o quinto municipio da provincia por poboación, merece “o goberno solvente e estable que tanto necesita a política municipal de Barbadás e que vai garantir o PP con esta candidatura”.

Menor tamén recoñeceu o traballo desenvolvido por José Manuel Freire Couto, que presidía a xestora local desde a súa constitución en decembro de 2024, e agradeceu a Rodríguez Rajo que aceptase encabezar a candidatura para as próximas eleccións municipais.

O presidente provincial afirmou que “necesitamos aos mellores en política para que lle vaia ben á veciñanza de Barbadás” e asegurou que o candidato, o seu equipo e os integrantes da xestora “representan a forza do PP para dar rumbo definido ao futuro do concello”.

0.15570592880249