Comezan en Ourense as obras do primeiro refuxio climático urbano de Galicia

OurenseXa
A actuación creará un corredor verde na avenida Otero Pedraio e prevé reducir ata 3 graos a temperatura superficial da zona
refuxio_climatico_ourense
18 Aug 2026

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para poñer en marcha o proxecto piloto de refuxio climático urbano comezaron hoxe na avenida Otero Pedraio, un dos principais eixos de comunicación da cidade, que a partir desta intervención contará cun novo espazo verde pensado para protexer á poboación durante episodios de calor extremo.

Ao inicio dos traballos asistiron a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. A actuación enmárcase nun convenio de colaboración entre ambas administracións, polo que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprometeu un investimento de 340.000 euros, que financia o proxecto na súa totalidade.

O obxectivo da obra é crear un corredor verde lineal que percorra a avenida de norte a sur, unha vía que na actualidade carece de arborado consolidado. Para conseguilo, instalaranse xardineiras prefabricadas ao longo da vía de servizo, nas que se plantarán diferentes especies vexetais. Ademais, renovaranse as tres rotondas existentes, substituíndo as superficies artificiais por vexetación natural, co fin de aportar sombra e reducir a impermeabilidade do solo.

Segundo explicou Paula Uría, estímase que estas actuacións —executadas polo Concello de Ourense e financiadas integramente pola Xunta— permitirán reducir arredor de 3 graos a temperatura superficial da zona, contribuíndo así a mitigar o chamado efecto illa de calor urbana. O obxectivo final é que a avenida se converta nun espazo de refuxio para a poboación máis vulnerable ante as vagas de calor.

Un refuxio climático defínese como un espazo con relativa estabilidade térmica e condicións ambientais favorables, o que o converte nun lugar idóneo para facer fronte ás altas temperaturas e ofrecer protección aos veciños.

O proxecto apóiase nunha metodoloxía desenvolvida o ano pasado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), no marco do programa autonómico Galicia, refuxio climático. Esta ferramenta está deseñada para axudar aos concellos a detectar posibles refuxios e tamén illas de calor, é dicir, zonas cunha elevada acumulación de radiación no asfalto e no formigón.

Froito deste traballo, e cun investimento de 110.000 euros pola Xunta, investigadores da UVigo deseñaron un dispositivo portátil capaz de elaborar mapas detallados coa localización das illas de calor en cada concello, como paso previo á definición de proxectos concretos a nivel local.

Ourense, con invernos fríos e veráns moi cálidos nos que a media das temperaturas máximas supera os 30 graos, foi a cidade escollida pola Xunta para poñer en marcha esta iniciativa, dando lugar así ao primeiro refuxio climático urbano de Galicia desenvolvido baixo esta metodoloxía. O Concello propuxo como emprazamento a avenida Otero Pedraio, unha vía moi transitada e moi exposta á radiación solar ao longo de todo o día.

Paula Uría salientou que a experiencia de Ourense servirá para consolidar esta nova metodoloxía de planificación climática urbana e pór os seus resultados á disposición doutras cidades e vilas de máis de 20.000 habitantes, que poderán replicar o modelo ou adaptalo ás súas propias características. Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia leva investido xa preto de 4 millóns de euros en actuacións para impulsar 75 proxectos de refuxios climáticos nos concellos galegos, entre os que se inclúe o de Ourense, que ademais é o único financiado ao 100% pola Administración autonómica.

0.13016510009766