Cortes de tráfico na rúa Pena Trevinca de Ourense polas festas de San Francisco durante toda a fin de semana

A celebración das festas de San Francisco obrigará a cortar o tráfico na rúa Pena Trevinca do barrio durante os vindeiros días. As restricións manteranse desde este venres, 2 de outubro, até o domingo, 4 de outubro.
O corte afectará ao treito comprendido entre a estrada da Granxa e a rúa A Coruña, cos seguintes horarios:
- Venres 2 de outubro: desde as 19.00 horas.
- Sábado 3 de outubro: desde as 17.00 horas.
- Domingo 4 de outubro: desde as 14.00 horas, cun corte adicional durante a mañá motivado pola celebración dunha carreira organizada pola Garda Civil.
Para minimizar as molestias á veciñanza e aos condutores, aconséllase desviar a circulación polas rúas Serra Martiñá, A Coruña, A Saínza e Galicia mentres dure o dispositivo.
Insístese en que os horarios indicados son orientativos e poderán variar en función do desenvolvemento do programa de actos. A reapertura da rúa ao tráfico producirase en canto rematen as actividades e os equipos de limpeza completen o seu traballo na zona.
Así mesmo, avísase de que a afluencia de público, a instalación prolongada de infraestruturas ou outras circunstancias imprevistas poderían obrigar a adiantar, ampliar ou modificar os cortes xa previstos. Nestes casos, poderán tomarse decisións de regulación adicionais sobre a marcha para garantir a seguridade das persoas e o bo funcionamento da mobilidade na zona.
Pídese á veciñanza e aos condutores que extremen a precaución, colaboren coas indicacións do operativo e consulten a sinalización provisional instalada nas rúas afectadas.