Folga de traballadores no Concello de Ourense contra a xestión de Gonzalo Pérez Jácome

OurenseXa
Os traballadores municipais do Concello de Ourense irán á folga "ante o desprezo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, polo plan de estabilización e o seu proceder continuo respecto á política de persoal dos últimos 5 anos"
Concello-Ourense-recurso
Imaxe da Casa do Concello de Ourense
27 sep 2024

Os traballadores e traballadoras municipais do Concello de Ourense irán á folga "ante o desprezo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, polo plan de estabilización e o seu proceder continuo respecto á política de persoal dos últimos 5 anos". Así o informaron logo de celebrar onte unha asemblea convocada polos cinco sindicatos con representación na Administración local.

Unha folga que os socialistas veñen de apoiar a través dun comunicado no que amosan o seu apoio aos traballadores municipais e anuncian que os edís do grupo municipal sumaranse a dita folga como forma de presión "para que o alcalde invista os seus esforzos para proxectos chave para Ourense".

“O rexedor debe entender que a negociación é fundamental, tanto cos sindicatos como co resto de grupos da oposición, para dirixir a terceira cidade de Galicia e chegar a acordos que dean estabilidade e deixen de menoscabar o prestixio da institución e da urbe da que é alcalde”, sinala a portavoz do PSdeG na Casa Consistorial, Natalia González.

Advirten, ademais, dende o grupo municipal socialista de que a inestabilidade que padecen dende hai anos as e os traballadores públicos ten como consecuencia non só o deterioro dos seus dereitos laborais que agora reclaman, senón un peor servizo prestado á cidadanía que, nalgúns casos, pode chegar a resultar perigoso como se traduce da insuficiencia de persoal para cubrir os quendas da Policía Local ou de Bombeiros de Ourense.

“O alcalde, como xefe de persoal que é, debe deixar de poñer o foco no persoal funcionario e os e as empregadas municipais, rematar co caos e a parálise e investir o seu tempo e esforzos en traballar por sacar adiante proxectos chave para a cidade”, remata.

Polo momento, descoñecese a forma que tomará a folga, que se articulará a próxima semana, e se o resto de grupos da oposición sumaranse a ela.

Pola súa banda, e pese a que non hai ata o de agora ningunha pronunciación oficial dende o Concello,, o alcalde acusaba nun comunicado a través das súas redes tanto aos grupos políticos como aos sindicatos e aos traballadores de "confabular" contra co Concello.

0.091492891311646