Jácome carga contra Fitur e asegura que “os bos datos de turismo” en Ourense son “grazas aos aloxamentos turísticos”

OurenseXa
O alcalde de Ourense di que o maior incremento do turismo vén dado por estes aloxamentos pero recoñece que “o estudio do INE non recolle este dato”
Vasos termais pechados
Foto de Amigos das Termas
22 Jan 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, carga contra a Feira Internacional de Turismo FITUR 2025, que se celebra esta semana en Madrid, asegurando que “é unha feira endogámica, que só serve para gastar diñeiro en facer unha presentación para que cada alcalde lle fale da súa cidade á xente da súa cidade”.

Segundo o rexedor “Fitur non vale para nada, é un meeting point para negocios non turísticos, para empresas provedoras de servizos que non son do sector turístico”.

Así, dende o seu punto vista e tal e como reflicte un comunicado enviado polo Goberno municipal, “o auxe do turismo pon de manifesto o acerto do Concello ao non acudir a certames como a feira de turismo Fitur que se desenvolverá esta semana en Madrid, e apostar por outras vías de promoción da cidade”, congratulándose de levar tres anos sen acudir ao evento.

Para o executivo local, o auxe do turismo en  Ourense vén dado polos aloxamentos en vivendas de uso turístico. Refírese o Concello aos últimos datos publicados polo INE, que amosan que no mes de novembro de 2024 os establecementos da cidade (hoteis e pensións) rexistraron un índice de ocupación do 50%. Eso si, no mesmo comunicado o Goberno local recoñece que o estudio do INE non recolle o dato sobre as vivendas de aloxamento turístico.

Para o executivo de Gonzalo Pérez Jácome, a evidencia sería o aumento da oferta de prazas deste tipo de aloxamentos na cidade que, sinalan, tería pasado de 154 a 1.962 prazas entre 2018 e 2024.

O certo é que o turismo en Ourense foise recuperando despois do COVID e coa chegada do AVE á cidade, chegando ás 22.914 pernoitas hostaleiras en novembro de 2021, ás 24.774 en 2022 e ás 23.648 en 2023. Neste ano 2024, a cifra ascende a 25.918, aínda que continúa sen acadar o récord rexistrado en 2019, cando se acadou a cifra de 28.425. 

SEN TREN TURÍSTICO

Pese ao aumento do número de visitantes entre 2022 e 2024, os turistas que visitan Ourense continúan sen poder facer uso dalgunhas das principais infraestruturas en materia turística.

Así, e tal e como confirmou o propio Concello a pasada semana, os turistas que visiten Ourense seguirán sen poder facer uso do coñecido tren turístico. Neste sentido, foi o grupo municipal socialista quen deu a voz de alerta, explicando que “na primeira sesión plenaria deste mes de xaneiro xa preguntamos cando tiña pensado o executivo poñer en marcha os trens que se retiraron de circulación hai máis dun ano e o alcalde contestou que tardarían preto dun ano máis en volver a empregarse”.

Ademais, apuntaban os socialistas, “nas paradas habilitadas tampouco figura ningún anuncio de que non están dispoñibles e é habitual atoparse con turistas desorientados”.  Cabe destacar que ditos trens, ademais de percorrer o casco histórico e outros lugares restrinxidos ao transporte como a rúa do Pase, levaban aos viaxeiros ata as distintas zonas termais da cidade.

TERMAS PECHADAS

En materia de termalismo, un dos principais atractivos turísticos da cidade, cabe destacar que Ourense seguirá polo menos outros nove meses sen a piscina termal das Burgas, situada en pleno centro da cidade e que leva pechada desde 2019.

Pese a que no mes de maio a piscina enchíase de auga e parecía que os traballos estaban encarando a recta final para a súa reapertura, logo de varios meses de silencio o propio Jácome confirmaba fai unha semana que tanto os cidadáns de Ourense como os turistas das cidade seguirían sen poder gozar deste servizo.

O motivo, explicaba, é que a piscina presenta unha fuga de auga porque non se fixo ben o illamento. Confirmaba, ademais, que o peche non tería que ver unicamente coa avaría, senón coa intención do seu goberno de privatizar a xestión deste complexo termal, que ben sendo historicamente público e gratuíto tanto para os ourensáns como para os visitantes de fóra da cidade.

Pola súa conta, dende a Asociación de Amigos das Termas denunciaban no mes de decembro que dos 17 vasos termais que existen na cidade, a data de 19 de decembro só dous estaban abertos.

 

0.18563508987427