O BNG acusa ao goberno de Jácome de modificar a RPT “pola porta de atrás” e sen negociación co persoal

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense denunciou a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que o Goberno local prevé aprobar na Xunta de Goberno deste xoves, ao considerar que se está tramitando sen pasar pola Mesa Xeral de Negociación.
Segundo explicou o portavoz nacionalista, Luís Seara, a modificación prevista “non é unha simple reorganización”, senón unha reforma da RPT que implica a supresión de postos e a creación doutros novos.
Desde o BNG sinalan que a proposta contempla a eliminación da maior parte das xefaturas de servizo de áreas como Formación Ocupacional e Promoción Económica, Turismo e Termalismo, Educación, Cultura, Xuventude e Participación, Benestar Social, Administración Xeral ou Fiscalización. A formación considera que o obxectivo é crear macroxefaturas con máis competencias e situar á fronte delas persoal afín ao Goberno local, acompañado de incrementos retributivos.
Os nacionalistas sosteñen que estas modificacións deberían ser negociadas coa representación dos traballadores ao implicar cambios na estrutura da RPT. Neste sentido, critican que o executivo municipal argumente que se trata unicamente dunha reorganización administrativa para evitar o seu paso pola Mesa Xeral de Negociación.
Luís Seara asegura que o Goberno de Gonzalo Pérez Jácome pretende concentrar cada vez máis poder en menos persoas e denuncia que se está aplicando unha política de “premio e castigo” entre o persoal municipal en función da súa afinidade co executivo, en lugar de perseguir unha mellora do funcionamento interno da administración local.