O BNG de Barbadás pide que se nomee unha nova Secretaria municipal

OurenseXa
Desde a formación nacionalista sinalan que “un Concello como o de Barbadás, con preto de 12.000 habitantes e unha importante carga de traballo administrativa, non pode permanecer máis tempo sen Secretaria municipal”
Sarín Núñez, Portavoz do BNG no Concello de Barbadás
Sarín Núñez
5 Dec 2024

O Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás reclama do Goberno Local celeridade á hora de cubrir a praza actualmente vacante na Secretaría municipal. Segundo sinala o Portavoz dos nacionalistas Sarín Núñez, “actualmente non contamos no Concello de Barbadás con ningunha funcionaria habilitada Nacional para cubrir o posto de Secretaría, posto fundamental dentro do organigrama organizativo”.

Núñez advirte ademais de que “esta non é unha situación puntual, senón que xa se arrastra desde hai varias semanas, tempo no que é outra traballadora do servizo a que está desempeñando estas funcións”, e engade, “aínda que esta situación poida ser admitida legalmente, non parece a máis acaída para un Concello como o de Barbadás, con preto de 12.000 habitantes e cunha carga de traballo administrativa bastante elevada”.

Diante desta situación, desde o BNG instan ao Goberno Local a buscar unha solución inmediata propoñendo que, namentres dita praza non sexa cuberta en propiedade e coñecido que na Deputación Provincial existe unha listaxe de Secretarias-Interventores dispoñibles para prestar servizo aos Concellos que o precisen, “se poida cubrir temporalmente o posto a través desta fórmula polo que instamos ao Goberno Local a que solicite dito persoal á maior brevidade posíbel”.

Sarín Núñez cuestiona a pouca capacidade de previsión do atual Goberno Local diante dunha situación “que sabían ía darse pero que por falla de anticipación, non souberon solventar a tempo. Para nós non é de recibo que un Concello como o noso careza dunha funcionaria habilitada para exercer estas funcións tal como establece a lei”.

0.13192701339722