O BNG esixe a Jácome que asuma responsabilidades polo colapso nos pagamentos a provedores

OurenseXa
O grupo nacionalista acusa o goberno local de falta de xestión e de debilitar o departamento de Intervención
luis-seara-bng-ourense
11 Jun 2026

Na Xunta de Portavoces celebrada este xoves no Concello de Ourense, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladou o seu rexeitamento ás explicacións ofrecidas polo alcalde en relación co atraso nos pagamentos a provedores, unha situación que o grupo considera reflexo dunha mala xestión municipal.

O portavoz do BNG, Luís Seara, afirmou que o rexedor “pretende eludir a súa propia responsabilidade e acusar outros da súa incapacidade para xestionar o día a día do Concello”.

O grupo nacionalista sostén que non se pode atribuír o problema exclusivamente a un departamento ou a determinados funcionarios, e acusa o alcalde de “falta de responsabilidade” no seu formulamento.

Así mesmo, o BNG denuncia o que considera un proceso de debilitamento do departamento de Intervención, ao que atribúe unha perda de persoal e cambios continuos na súa estrutura, o que, segundo sinalan, estaría a afectar o seu funcionamento ordinario e foi advertido en informes internos nos últimos anos.

O grupo tamén critica presuntas irregularidades en procedementos administrativos e de contratación, que, segundo a súa versión, obrigarían a corrixir ou anular facturas, o que estaría a xerar atrasos adicionais na tramitación.

Neste contexto, o BNG reclama ao alcalde que incremente os recursos humanos do departamento de Intervención para axilizar a xestión municipal e evitar demoras nos pagamentos.

Finalmente, os nacionalistas acusan o goberno local de trasladar aos provedores á vía xudicial, o que, segundo advirten, podería ter consecuencias económicas adicionais para o Concello en forma de xuros e custas.

0.13091492652893