O Concello de Ourense admite impagos a provedores e apunta ao departamento de Intervención

OurenseXa
O alcalde afirma que o Concello ten fondos suficientes para realizar os pagos e apunta á falta de fiscalización das facturas
Concello de Ourense
11 Jun 2026

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, convocou unha xunta de portavoces esta mañá na que se deu conta aos grupos políticos municipais da situación de impagos que se está a producir na área económica do Concello.

Unha “paralización” nos pagamentos que, segundo o alcalde, se produce a pesar de que o Concello conta con 75 millóns de euros de saldo dispoñible, fondos que asegura, son suficientes para facer fronte a todas as obrigas pendentes. “Unha das causas, a máis frecuente de feito”, xustifícase o alcalde, é que o departamento de Intervención “non fiscaliza algunhas facturas e iso impide automaticamente continuar a súa tramitación” para proceder ao seu pagamento. Esta situación, segundo Jácome, “está a afectar a facturas tramitadas de forma ordinaria, avaladas polos respectivos departamentos, contratadas de forma totalmente regular por servizos prestados ao Concello e que deben ser pagadas”.

Con todo, escúsase o Goberno local, “moitos pagamentos non se poden realizar, non por falta de crédito —xa que o Concello ten os fondos dispoñibles no banco—, senón porque en moitas facturas existe unha omisión de fiscalización, sexa negativa ou positiva, o que impide que as facturas avancen no trámite e sexan finalmente aboadas”.

Ante este escenario, afirma o rxedor, o Concello está dando parte da situación á Xunta de Galicia e informando a todos os provedores dos seus dereitos para cobrar as facturas pendentes. Entre estes, atópase o de acudir ao xulgado a solicitar medidas cautelarísimas de acordo co artigo 199 da Lei de Contratos do Sector Público.

0.12325882911682