O BNG presenta alegacións contra a modificación da RPT do Concello de Ourense e denuncia un reparto de postos por afinidade

O BNG rexistrou alegacións contra a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Ourense, ao considerar que o cambio proposto supón, na práctica, unha reorganización encuberta do persoal municipal.
O voceiro do grupo municipal, Luís Seara, sinalou que o goberno local, encabezado por Jácome, estaría a empregar esta vía para premiar ou penalizar ao persoal segundo a súa proximidade ao equipo de goberno, ademais de concentrar cada vez máis poder en menos mans. Segundo explicou, a modificación prevé eliminar case todas as xefaturas de servizo existentes para substituílas por macroxefaturas que agruparían moitas máis competencias, á fronte das cales se situaría persoal funcionario afín ao goberno municipal, con importantes subidas salariais e maior capacidade de control sobre o resto do persoal.
Seara defendeu que o obxectivo de fondo non sería mellorar o funcionamento interno do Concello, senón reforzar o control sobre o persoal a través dun sistema de premios e castigos.
No documento presentado, o BNG sinala dúas irregularidades principais. A primeira ten que ver coa suba dos complementos específicos asignados a todas as xefaturas de servizo propostas: segundo os nacionalistas, o incremento aplícase de xeito idéntico en todos os casos, sen ningunha diferenciación en función das competencias de cada posto, o que iría en contra do que esixe a normativa reguladora da RPT. O grupo cita o artigo 22.3 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público (TREBEP), que establece que as retribucións complementarias deben responder ás características propias de cada posto, á carreira profesional ou ao desempeño e aos resultados obtidos. Na opinión do BNG, unha suba uniforme de todos os complementos específicos non se axusta ao previsto na lei, xa que calquera modificación relevante das funcións dun posto debería ir precedida dunha valoración individualizada e non dun incremento xeneralizado.
A segunda irregularidade denunciada é a falta, en todo o expediente, do preceptivo informe de fiscalización previa da Intervención municipal, malia que os cambios propostos teñen repercusión económica directa ao afectar aos complementos específicos tanto das xefaturas que se manteñen como das que se crean. O BNG lembra que a propia Intervención, no seu informe sobre as resolucións de discrepancias do exercicio 2025 —relacionado co incremento do complemento específico dos corpos de Policía Local e Bombeiros—, facía referencia a unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (1300/2025), do 2 de abril de 2025, que establece o carácter obrigatorio dese informe sempre que unha modificación da RPT teña consecuencias económicas. Para os nacionalistas, esta circunstancia tamén concorre na modificación 5/2025 á que se refiren as súas alegacións.