O BNG reclama recuperar o acordo para impulsar o transporte metropolitano na área de Ourense

OurenseXa
Os nacionalistas acusan á Xunta, á Deputación e ao Concello de frear un proxecto que consideran esencial para mellorar a mobilidade de preto de 150.000 persoas
Menbros-do-BNG-de-Ourense-e-dos-Concellos-limítrofes-afectados-polo-transporte-metropolitano
31 Jul 2026

O BNG volveu reclamar a posta en marcha do transporte metropolitano na comarca de Ourense e denunciou o que considera unha falta de vontade política por parte da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial e do Concello de Ourense para facer realidade un servizo que leva décadas sobre a mesa. A formación realizou unha comparecencia pública no intercambiador da Alameda, acompañada por representantes nacionalistas dos concellos da contorna, para esixir que se retome o acordo alcanzado o pasado mes de marzo.

O concelleiro no Concello de Ourense e deputado provincial, Xosé Manuel Puga, lembrou que ao comezo do actual mandato se constituíu unha comisión político-técnica integrada por representantes institucionais e persoal técnico co obxectivo de deseñar un modelo de transporte que conectase a cidade cos municipios limítrofes. Segundo explicou, tras meses de traballo conseguiuse un consenso básico que contemplaba a ampliación de oito liñas do transporte urbano de Ourense, coordinadas cos servizos autonómicos mediante novos intercambiadores e cun sistema unificado de billetes e bonificacións.

Con todo, o BNG asegura que a proposta quedou en suspenso despois de que, na reunión celebrada o pasado 15 de xullo, Concello e Deputación presentasen un novo plantexamento que modifica substancialmente o acordado, alegando o elevado custo económico da iniciativa.

Os nacionalistas consideran que este cambio supón un paso atrás e advirten de que podería atrasar novamente un proxecto que cualifican de prioritario para a mobilidade da área metropolitana. Por este motivo, anunciaron a presentación dunha moción no pleno municipal para recuperar o acordo de marzo e impulsar a súa implantación.

En relación ao financiamento, o BNG sostén que os arredor de tres millóns de euros anuais estimados para o servizo non poden servir de escusa para paralizar unha infraestrutura que beneficiaría a uns 150.000 habitantes. A formación propón iniciar o sistema coa extensión das oito liñas durante un período piloto de tres anos, avaliar posteriormente os resultados e introducir as melloras necesarias antes da súa consolidación definitiva.

0.13175082206726