O Campus de Ourense acolleu a presentación do novo número da Revista Galega de Educación

OurenseXa
A publicación rende homenaxe a Filgueira Valverde e á radio escolar
presentacion-revista-galega-educacion-ourense
27 Mar 2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este xoves a presentación do número 93 da Revista Galega de Educación, editada por Nova Escola Galega, dedicado á radio escolar, así como do libro Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo (Pontevedra, 1939-1976).

O novo número da revista, coordinado por Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, inclúe 15 colaboracións que abordan a radio escolar desde perspectivas teóricas e prácticas, prestando especial atención a iniciativas como Ponte… nas Ondas!. Durante a presentación, moderada pola profesora Ana Mª Iglesias, participaron Raquel Rey (Nova Escola Galega/Ponte… nas Ondas!/UVigo), Santiago Veloso (Ponte… nas Ondas!), Sergio Pascual (coordinador do número) e Antón Costa e Xosé Manuel Cid (do consello editorial da revista). Santiago Veloso entregou ademais a Xosé Manuel Cid un recoñecemento polo seu compromiso de tres décadas co proxecto.

No exemplar presentado indícase que “dalgún xeito, falar de radio, educación e vida, é un proceso de deconstrución da última xa que, coas ferramentas, aprendizaxes e coñecementos adquiridos, ondas e ensino son alicerces na formación de calquera persoa”. Desde a organización destacan que se convida ao público a “mergullárense con nós nas diferentes perspectivas educacionais, radiais, vitais, que neste monográfico amosamos” e subliñan que o número busca “explorar distintos xeitos de facer a radio dende a escola e entender o sentido da súa vixencia no contexto actual, porque a radio e a educación forman un binomio que aínda ten moitas historias por contar”.

Este mesmo xoves tamén se presentou o libro Filgueira Valverde, profesor humanista innovador e director dun instituto modelo, publicado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. O acto contou coa colaboración musical do Coro Universitario de Ourense e coa presenza do autor, Xermán Manuel Torres de Aboal, así como de Xosé Manuel Cid, X. Fernando Filgueira e Antón Costa, moderados por Nazaret Blanco.

O libro ofrece unha biografía intelectual e educativa do profesor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, baseada na tese de doutoramento de Torres de Aboal, dirixida por Xosé Manuel Cid. Segundo a publicación, trátase dunha “descrición pormenorizada e unha análise da función docente e directiva desempeñada por Filgueira Valverde no Instituto de Pontevedra, que foi declarado instituto modelo en 1957 e no que o profesor Filgueira, durante moitos anos, desempeñou un labor digno de consideración”.

O estudo baséase “nunha fonda investigación básica de carácter cualitativo, por medio da indagación arquivística e documental”, utilizando tres arquivos principais: o Museo de Pontevedra, o IES Sánchez Cantón e o arquivo da Universidade de Santiago. O autor destaca tamén “a importantísima colaboración da familia Filgueira-Iglesias que en todo momento nos facilitou o acceso a canta documentación, bibliografía, documentación gráfica e información nos foron necesarias e útiles”, agradecendo a autorización para utilizar todo o material nos efectos da tese e da publicación.

Tras a análise da documentación, a obra conclúe que Filgueira Valverde foi un docente humanista innovador. “No seu instituto tiña moita importancia unha educación que transcendía o muro das aulas polas actividades educativas e culturais que se desenvolvían no Instituto de Pontevedra nesta etapa histórica”, recolle o libro. Filgueira Valverde “pretendía un ensino activo e creativo da lingua e da literatura, promovía a lectura e a escritura, os comentarios de texto, as conferencias, as declamacións, a utilización do teatro escolar, do cine e daba moita importancia á música, á educación física e ao deporte, ás excursións”.

0.13149905204773