O campus de Ourense celebrou o seu primeiro Torneo Robótico da Escola Superior de Enxeñaría Informática

O campus de Ourense acolleu esta semana pola tarde da primeira edición do Torneo Robótico da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI Robotics Tournament), unha iniciativa impulsada por alumnado e profesorado do Grao en Intelixencia Artificial. A cita reuniu sete equipos, formados por catro estudantes cada un, que competiron con robots deseñados, montados e programados por eles mesmos ao longo da súa formación.
A actividade xorde no marco da materia de Robótica Baseada no Comportamento, de cuarto curso, e nace coa vontade de levar a aprendizaxe máis alá da aula. Segundo explican desde a organización, o torneo serviu para converter a robótica nun espazo práctico de innovación e traballo colaborativo. Ademais, baseouse no modelo CDIO (Concibir, Deseñar, Implementar e Operar), unha metodoloxía que promove a aprendizaxe a través da resolución de retos reais e o desenvolvemento completo de proxectos, desde a idea inicial ata a súa posta en funcionamento.
A propia organización do evento estivo en mans do alumnado da materia, o que lles permitiu reforzar habilidades como a planificación, a coordinación e a xestión de proxectos complexos. O torneo contou tamén coa supervisión do grupo de Innovación Docente en Tecnoloxía e Intelixencia Artificial e coa colaboración de distintas entidades como Developer Group Ourense, a asociación Auria e a empresa Binarial.
A competición desenvolveuse na entrada do edificio Politécnico, onde os equipos tiveron que superar diferentes probas técnicas que puxeron á proba a precisión e a capacidade de adaptación dos robots. Entre os retos destacaron circuítos de seguimento de liña con obstáculos, navegación por labirintos, exercicios de precisión e combates de sumo robótico.
Os equipos gañadores foron recoñecidos con premios e material de iniciación á robótica, nunha xornada que destacou polo nivel técnico e o espírito colaborativo dos participantes. Desde a organización agradeceron o apoio da dirección e do equipo da ESEI nesta primeira edición, que consideran un paso máis no impulso dunha formación universitaria práctica e orientada aos desafíos tecnolóxicos actuais. O torneo nace así coa intención de consolidarse como unha referencia nas actividades de innovación docente e na promoción da robótica no ámbito universitario.