O Comité de Empresa de Autobuses Urbanos de Ourense acusa empresa e Concello de converter o persoal en “reféns” do conflito

OurenseXa
A representación sindical asegura que a situación salarial afecta a toda a plantilla e advirte de posibles consecuencias laborais se non se adoptan solucións
Autobuses-urbanos-ourense
6 Jul 2026

O Comité de Empresa de Autobuses Urbanos de Ourense, integrado por representantes da CIG, CCOO, UGT e FETICO, fixo público un comunicado no que critica a xestión do conflito existente entre a empresa concesionaria e o Concello de Ourense, asegurando que a situación está a recaer sobre o persoal traballador.

No documento, os representantes sindicais consideran que os traballadores están a ser utilizados como ferramenta nun conflito alleo á súa responsabilidade e rexeitan asumir as consecuencias derivadas das discrepancias entre ambas partes.

“Non aceptamos ser reféns das disputas que ambas institucións manteñen nestes momentos. Negámonos a que se nos utilice como instrumento nas súas negociacións, nas súas loitas de poder e nos seus intereses particulares”, sinalan nun comunicado no que tamén sinalan que a débeda existente entre o Concello e a empresa non é unha situación recente senón que, aseguran, o problema se arrastra desde antes da perda da concesión. Así mesmo, afirman que o Concello leva anos mantendo impagos a empresas concesionarias.

Con todo, o Comité subliña que esta situación non exime á empresa das súas obrigas co persoal e sostén que nin a concesionaria pode xustificar incumprimentos laborais por mor da situación económica nin o Concello pode permanecer alleo ás consecuencias que se están a producir nun servizo público.

“Nós non somos moeda de cambio dos seus negocios espurios nin das súas loitas de poder internas. Somos persoas traballadoras que cada día saímos á rúa para prestar un servizo público con profesionalidade, responsabilidade e compromiso”, indican.

A representación sindical tamén aproveitou o comunicado para responder a comentarios que, segundo apuntan, cuestionaban a implicación do Comité ante a situación actual. Neste sentido, aseguran que os membros da representación sindical se atopan na mesma situación que o resto da plantilla. “Queremos deixar moi claro que todos estamos no mesmo barco. A situación dos membros do Comité non está, baixo ningún concepto, por riba da do resto do persoal. A falta de pagamento e os problemas económicos aféctannos exactamente igual”, explican.

Segundo trasladan, desde o inicio do conflito están a analizar todas as vías posibles e as medidas dispoñibles para buscar unha solución, aínda que lembran que determinados procedementos dependen dos prazos e mecanismos establecidos pola normativa laboral. Iso, din, “non significa, nin moito menos, que esteamos de brazos cruzados. A presión sobre ambas as partes é constante. Estamos chamando, reclamando e esixindo solucións tanto á empresa como ao Concello de maneira permanente”.

Entre as reivindicacións formuladas, o Comité insiste en que o único escenario aceptable pasa por manter as condicións salariais habituais, sen atrasos nin modificacións derivadas das negociacións entre a empresa e a administración local. “Nós cumprimos co noso traballo coma sempre. Por iso queremos cobrar coma sempre. Sen escusas, sen atrasos e sen converter as nosas nóminas nun elemento máis das negociacións entre empresa e Concello”, aseguran.

Por último, a representación dos traballadores advirte de que, se a situación deriva nun conflito laboral, o persoal responderá de forma conxunta. “Se empresa e Concello consideran que a vía é o conflito, atoparán un Comité unido, firme e respaldado maioritariamente polo cadro de persoal”. Ademais, consideran que unha posible afectación ao servizo público ou á cidadanía sería consecuencia directa da xestión realizada pola empresa e polo Concello. “A dignidade das traballadoras e dos traballadores non se negocia. O noso salario tampouco”, insisten.

0.12302589416504