O Concello de Ourense non deberá reintegrar 1,1 millóns de euros dunha subvención para a Praza de Abastos

OurenseXa
Un procedemento aberto este ano para reclamar a devolución dunha axuda concedida en 2015 para a reforma do mercado número 1 queda arquivado
praza-de-abastos-ourense
Imaxe de arquivo
12 Nov 2026

O Concello de Ourense non terá que devolver ningunha cantidade da subvención de 1,1 millóns de euros que recibiu en 2015 para financiar a primeira anualidade do proxecto de reforma e rehabilitación da Praza de Abastos número 1. Así o establece unha resolución do Ministerio de Vivenda, que pon fin a un procedemento de reintegro aberto este mesmo ano.

Segundo o Concello, o asunto ten a súa orixe anos atrás, cando o entón Ministerio de Fomento reclamou ao consistorio a devolución do importe concedido, que ascendía a 1.190.919,84 euros, aos que se sumaban 244.345,82 euros en concepto de intereses de demora, ata un total de 1.435.265,66 euros. Esa reclamación non poñía en dúbida que as obras se executasen, senón que se fundamentaba en que a súa xustificación non se presentara dentro do prazo establecido.

O Concello afirma que devolveu entón os fondos reclamados, aínda que recorreu esa decisión ante os tribunais. A Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional, nunha sentenza da súa sección oitava, fallou a favor do consistorio ao declarar caducado aquel primeiro procedemento de reintegro.

Malia ese fallo xudicial, o Goberno central abriu este ano un novo procedemento para reclamar de novo a devolución da mesma subvención. O Concello presentou alegacións solicitando o arquivo das actuacións por entender que o dereito da Administración a esixir esa devolución prescribira, invocando para iso unha sentenza do Tribunal Supremo de xaneiro de 2017.

O Ministerio de Vivenda estimou esas alegacións. Na súa resolución, declara prescrito o dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro da subvención e sinala que “non procede acordar o reintegro de cantidade algunha no presente procedemento, nin esixir os intereses de demora asociados ao mesmo”. Con iso, dá por finalizado o procedemento e ordena o arquivo das actuacións.

O Concello lembra que xa devolvera esta cantidade ao Ministerio no ano 2022. Tras esta resolución, o Estado deberá reintegrarlle agora eses fondos, xunto cos intereses de demora e as custas xudiciais correspondentes.

0.1881148815155