O Concello de Ourense propón un bono de 10 baños por 30 euros nas Burgas

O goberno municipal de Ourense ten previsto impulsar un novo bono que permitirá o acceso á piscina termal das Burgas en dez xornadas distintas ao longo do ano, por un prezo total de 30 euros. A iniciativa foi dada a coñecer esta mañá polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, coincidindo co período de exposición pública da ordenanza que regula este servizo, texto que o Pleno municipal aprobou de xeito inicial o pasado 18 de outubro.
Segundo explicou o rexedor, o consistorio presentará unha alegación á normativa para que esta nova modalidade de abono quede recollida no documento definitivo que posteriormente deberá ser ratificado polo Pleno.
Pérez Jácome sinalou que o obxectivo da medida é “mellorar e perfeccionar a ordenanza”, incorporando neste caso “un paquete de 10 baños por 30 euros”, o que suporía un custo de 3 euros por cada visita, sen necesidade de que os dez usos se concentren dentro dun mesmo mes.
O alcalde precisou que esta tarifa está “pensada especialmente nos residentes”, a quen se ofrecerá un prezo diferenciado respecto ao turista, perfil ao que vai dirixida principalmente a tarifa de 7 euros vixente para un único día de uso das instalacións.
Coa posta en marcha deste novo bono, a veciñanza de Ourense disporá de dúas alternativas para acceder ás Burgas: o abono mensual de 25 euros, que permite entradas ilimitadas durante ese período, ou o novo paquete de 10 baños, a razón de 3 euros cada un.