O Concello de Ourense suspende o servizo especial de autobuses de Torres do Pino

OurenseXa
O executivo de Pérez Jácome xustifica a medida pola “falta de usuarios”, malia as queixas veciñais pola falta de conectividade no barrio durante as obras da estrada de Vigo
Autobuses-urbanos-ourense
27 May 2026

O Concello de Ourense vén de anunciar unha serie de modificacións no servizo de autobuses urbanos que afectan ás liñas 7 e 3, así como á conexión especial entre Torres do Pino, o centro de saúde e a estación intermodal, activada de maneira temporal polas obras na estrada de Vigo e as queixas dos veciños pola falta de transporte.

O goberno municipal decidiu suspender o servizo especial de lanzadeira apenas nove días despois da súa posta en marcha, a pesar de que as demandas veciñais por mellorar a conectividade do barrio viñan producíndose desde hai semanas.

Segundo o executivo local, a medida responde á escasa utilización do servizo, que cualifica como un “autobús pantasma, coa menor ocupación da historia dos urbanos de Ourense, e unha media duns 10 viaxeiros”. Por este motivo, o minibús realizará a súa última viaxe o venres 29 de maio, ao considerar que “non reflectía unha demanda real”.

Ademais, a partir do luns 1 de xuño, a liña 7 “Cudeiro – A Valenzá” recuperará o seu percorrido habitual polas rúas Alejandro Pedrosa e Quintián, unha vez finalizadas as obras de remodelación da vía.

Tamén desde esa data, a liña 3 “Santa Cruz – O Cumial” ampliará o seu itinerario ata o Hotel Auriense, onde se habilitará unha nova parada que conectará a zona coa estación intermodal e o centro da cidade. Neste cambio, o autobús deixará de entrar no termo municipal de San Cibrao, onde ata agora circulaba sen recoller pasaxeiros. A parada situada nas proximidades do Bar Mesón será trasladada uns 150 metros, ata o cruzamento coa rúa da Rabeda.

0.12195587158203