O Concello do Carballiño saca a concurso a xestión do Camping Municipal por 20 anos

O Concello do Carballiño puxo en marcha o proceso de licitación para a concesión do Camping Municipal do Arenteiro e das Pallozas, o complexo turístico situado no Parque Etnográfico do Arenteiro, nas proximidades de espazos como o Museo da Fábrica do Papel ou o Muíño do Anxo.
As empresas interesadas en optar á xestión do espazo xa poden presentar a súa documentación a través da Plataforma de Contratación do Sector Público (Placsp), dispoñendo de prazo ata o 27 de novembro para formalizar as súas solicitudes.
A concesión outorgarase por un período de 20 anos, e a adxudicación resolverase mediante un sistema de puxa a partir dun canon mínimo anual fixado en 500 euros. Ademais do importe económico ofertado, o Concello terá en conta como criterio de mellora a construción de novas unidades de aloxamento que se sumen ás xa existentes nas instalacións.
O Concello optou pola fórmula do contrato de concesión de servizos co obxectivo de asegurar unha xestión máis eficiente, moderna e sostible do recinto, así como unha administración profesionalizada que redunde nunha mellora da calidade do servizo ofrecido aos usuarios.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, destacou o atractivo do enclave: “Trátase dun espazo con gran pulo turístico e que sempre contou cunha moi boa acollida por parte dos visitantes, polo que estamos desexando abrir as súas portas”. O edil engadiu que a iniciativa busca tamén ter un impacto positivo máis alá do propio recinto: “Isto permitirá non só atraer a un maior número de visitantes á nosa vila, senón tamén reforzar e dinamizar a economía local”, ao tempo que animou ás empresas do sector a concorreren ao proceso.
En canto ás características do recinto, o camping dispón actualmente de 21 parcelas habilitadas para acampada e caravanas. A estas súmanse outras 5 parcelas adicionais, reservadas para a posible instalación de novas fórmulas de aloxamento, como bungalows rurais ou tendas tipo glamping.
Precisamente, as propostas que presenten as empresas candidatas para o desenvolvemento destas cinco parcelas terán un peso determinante na resolución do concurso. O sistema de puntuación outorgará un máximo de 30 puntos ao canon anual ofertado na puxa, mentres que a mellora derivada da execución de novos aloxamentos poderá acadar ata 70 puntos, o que a converte no criterio con maior peso específico na adxudicación.
O prego de condicións que rexe o contrato establece ademais uns requisitos mínimos de apertura: as pallozas deberán permanecer operativas polo menos 10 meses ao ano, mentres que o camping terá que abrir as súas portas como mínimo entre o 1 de abril e o 31 de outubro de cada tempada.