O Día da Bici obrigará a cortar o tráfico en varias rúas de Ourense o domingo

OurenseXa
O dispositivo contempla o peche progresivo de varias vías a partir das 10.00 horas, ademais de cambios nas liñas de autobús urbano durante a mañá
carril-bici-cartel
17 Sep 2026

A celebración do Día da Bici, que este ano chega á súa cuadraxésima edición, provocará restricións ao tráfico rodado en diferentes puntos da cidade o vindeiro domingo, 20 de setembro. Segundo o operativo deseñado pola Policía Local, os cortes comezarán ás 10.00 horas co peche da rúa Progreso, no tramo entre Concordia e a Avenida de Zamora, á altura do Xardín do Posío, así como da rúa A Coruña. A partir das 11.30 horas pecharase xa a totalidade do percorrido da ruta ciclista e as rúas que conflúen con el.

O percorrido deste ano presenta cambios respecto a edicións anteriores debido ás obras que se están a executar na Avenida de Portugal. A ruta sairá da Alameda e continuará por Progreso, Avenida de Zamora, Saínza, A Coruña, Progreso ata Pardo de Cela, a Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santiago, Avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez e Sáenz Díez, para regresar por Progreso e rematar de novo na Alameda.

Para facilitar a mobilidade durante os cortes, habilitáronse varios itinerarios alternativos segundo a zona da cidade. Entre o norte e o sur, poderase circular polas pontes do Ribeiriño e da presa de Velle, en Oira. Para conectar o oeste co leste, a alternativa é a Avenida da Ribeira Sacra (N-120), mentres que entre o leste e o centro poderase empregar Emilio Pardo Bazán e Pena Trevinca.

No caso da zona sur, a saída realizarase por Marcelo Macías, Manuel Murguía, Rodríguez de la Passera e Regato ata a glorieta da Saínza. Para a entrada a esa mesma zona, empregarase a propia glorieta da Saínza, que na súa metade pasará a funcionar en dobre sentido, permitindo que os vehículos procedentes do sur continúen polas rúas do Regato, Rodríguez de la Passera, Leiras Pulpeiro, Manuel Murguía e Marcelo Macías. Así mesmo, desde a glorieta da Saínza ata o aparcadoiro da residencia manterase un carril reservado para o acceso de urxencias, coa posibilidade de subir por Cruceiro Quebrado.

Cambios no transporte urbano

A proba deportiva tamén afectará ao servizo de autobuses urbanos, que verán modificadas as súas rutas habituais durante a celebración. En dirección ao Parque de San Lázaro, os autobuses circularán pola rúa A Coruña, Pena Trevinca, Avenida da Habana e o propio Parque San Lázaro. En dirección ao Xardín do Posío, o percorrido alternativo será por Xoán XXIII (Abanca), Bedoya, Avenida de Bos Aires, Xoán de Novoa e Pardo Bazán.

Entre as 11.30 e as 13.45 horas producirase ademais retencións nos distintos traxectos das liñas urbanas. A liña 15, que cobre o traxecto Praza Maior – O Tinteiro – Praza Maior, interromperá o seu servizo entre as 10.00 e as 14.00 horas, retomando o seu horario habitual pola tarde.

0.15942597389221