O pleno de Barbadás aproba por unanimidade instar ao goberno local a impulsar o transporte metropolitano

O pleno do Concello de Barbadás, celebrado na tarde do pasado 7 de setembro, aprobou por unanimidade unha moción impulsada polo grupo municipal do BNG na que se pide avanzar na implantación do transporte metropolitano na comarca de Ourense, un servizo do que se leva falando desde hai tempo e que, segundo a formación, conta cunha forte demanda veciñal, non só en Barbadás senón tamén no resto de concellos da contorna.
Durante o debate da proposta, o voceiro da agrupación nacionalista defendeu que este tipo de servizo resulta esencial para garantir a mobilidade da cidadanía, para permitir un mellor acceso aos servizos públicos e para impulsar un desenvolvemento económico e social máis equilibrado en toda a área urbana e periurbana da cidade de Ourense. Así mesmo, sinalou que se trata dunha demanda longamente sentida pola poboación e que, con todo, permaneceu paralizada durante demasiado tempo.
Na súa intervención, lembrouse que en xullo de 2024 se constituíu un Comité Técnico-Político encargado de traballar na posta en marcha do transporte metropolitano, no que participan a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e até quince administracións locais da contorna, entre elas a de Barbadás. A pesar de que se celebraron distintas reunións e se acadaron varios acordos entre as partes, desde o BNG denuncian que o proceso se atopa actualmente estancado.
Ante esta situación, a formación explicou que ven reclamando de maneira insistente ante as distintas institucións implicadas a necesidade de retomar o ritmo dos traballos e avanzar con determinación na posta en marcha do servizo, entendido este como un primeiro paso, xa que ao seu xuízo queda aínda moi lonxe do que suporía a creación dunha verdadeira área metropolitana de transportes.
A moción aprobada tamén propón unha maior implicación do goberno local no impulso da toma de decisións necesarias para facer realidade este servizo. Neste sentido, subliñouse que un transporte destas características debe contribuír a vertebrar o territorio, mellorar a conexión entre os distintos concellos, facilitar o acceso aos servizos públicos e axudar a frear as dinámicas de despoboamento que afectan ás comarcas, polo que resulta necesario avanzar de forma decidida cara a un modelo de mobilidade metropolitana.
Por último, a proposta aprobada tamén se pronuncia sobre o financiamento do futuro servizo. O BNG instou ao goberno local a esixir que as actuacións derivadas da reorganización e do reforzo do transporte público, así como a futura implantación e consolidación do transporte metropolitano, se financien con cargo aos orzamentos autonómicos, ao entender que corresponde á Administración autonómica a competencia en materia de transporte público interurbano, así como a responsabilidade de garantir un sistema de mobilidade público, accesible, eficiente e equilibrado no conxunto do territorio.