O PP absterase nas oito modificacións de crédito propostas polo Concello de Ourense

OurenseXa
A postura, sinalan, é resultado do compromiso do alcalde para a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do Plan de Estabilización de emprego temporal
Ana Méndez e Sonia Ogando, grupo municpal do PP no Concello de Ourense
6 Nov 2024

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ourense absterase nas oito modificacións de crédito que o goberno de Democracia Ourensana presentará no pleno extraordinario previsto para esta mañá, como resultado do compromiso do alcalde para a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do Plan de Estabilización de emprego temporal, tal e como xa está publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O posicionamento dos concelleiros populares no pleno de hoxe "é absolutamente coherente coa postura mantida ata hoxe polo PP, que sempre negouse a admitir as pretendidas modificacións do rexedor no citado Plan de Estabilización", explican, mantendo que non habería apoio algún a calquera modificación de crédito mentres non se respectasen os dereitos dos traballadores.

"En todo momento a pretensión do Partido Popular foi evitar calquera prexuízo aos empregados municipais, cumprindo co compromiso adquirido polos populares: garantir o mantemento das condicións iniciais de estabilización, nos termos que os representantes dos traballadores reivindicaban", continúan os populares.

Sinalan que "a mesma coherencia no posicionamento do PP reflíctese en que, en todo momento, advertiu ao goberno de Democracia Ourensana e aos partidos da oposición que o Partido Popular nunca sería un obstáculo para os intereses de Ourense e da súa cidadanía".

Cuestións referidas a educación, participación cidadá, Protección Civil, Policía Local, infraestruturas, medio ambiente, asociacións veciñais, axudas aos clubs deportivos, pero non os festexos, "son o suficientemente importantes para esta cidade e os seus habitantes como para desbloquear a súa tramitación".

O Partido Popular lamenta que "mentres os nosos representantes traballan baixo premisas claras e definidas, o resto dos partidos da oposición dediquen o seu tempo á única procura do poder, sexa mediante unha farsa de moción de censura no Concello ou o intento de desaloxar ao Goberno popular na Deputación de Ourense".

0.16627717018127