O PP esixe rematar as obras da Avenida de Portugal e reformar o transporte urbano ante a falta de solucións do Goberno local

OurenseXa
O grupo municipal tamén reclamará explicacións sobre a seguridade nos barrios, a Casa de Baños de Outeiro e a modificación de crédito para pagar facturas a provedores
Ana Méndez e Sonia Ogando, grupo municpal do PP no Concello de Ourense
2 Sep 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Ourense levará ao vindeiro pleno ordinario de setembro dúas mocións centradas en dous asuntos que, segundo denuncia a formación, seguen sen resolverse despois de meses: o remate das obras da Avenida de Portugal e a situación do transporte urbano.

Na súa rolda de prensa semanal, os populares insistiron en que a demanda de finalizar canto antes os traballos na Avenida de Portugal parte dos veciños e comerciantes da zona, cos que o grupo volveu reunirse recentemente. O PP pide que a obra remate con garantías de transparencia, planificación e seguridade, e cunha data concreta de finalización.

A segunda moción reclama unha revisión integral da rede de autobuses urbanos, case un ano despois da posta en marcha do novo mapa de liñas. Os populares denuncian cambios continuos nos percorridos e horarios, problemas de conexión e frecuencias, así como as pantallas informativas das paradas, que seguen sen funcionar pese ao anuncio de que estarían operativas coa nova licitación. A moción pide que calquera revisión conte coa participación de usuarios, condutores, asociacións veciñais e colectivos afectados.

O grupo municipal tamén rexistrou por escrito dúas preguntas para o pleno. Unha pregunta polas medidas urxentes previstas polo Goberno local ante a preocupación pola seguridade nos barrios do Vinteún e A Ponte, despois de que o PP visitase unha vivenda ocupada na zona. A outra está relacionada coa situación actual da Casa de Baños de Outeiro  e as actuacións previstas para conservar o que queda do inmoble.

Sobre este último punto, os populares criticaron o recurso reiterado do Goberno local ás obras de emerxencia para intervir en edificios que, ao seu xuízo, se deixan deteriorar previamente.

O grupo referiuse á modificación de crédito de 11,4 millóns de euros incluída na orde do día do pleno para facer fronte a facturas pendentes na conta 413. A formación indicou que está a analizar a documentación do expediente antes de fixar a súa posición, e advertiu de que o pagamento aos provedores non pode servir para normalizar unha forma de xestión económica que consideran caótica.

0.17379403114319