O PSdeG pedirá no Parlamento explicacións á Xunta pola demolición da Casa de Baños de Ourense

OurenseXa
O grupo parlamentario socialista reclama unha avaliación integral do edificio, a conservación dos elementos patrimoniais que se manteñen e recursos autonómicos para impulsar a súa rehabilitación
incendio-casa-de-baños-ourense
19 Aug 2026

A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia pola provincia de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, presentará unha iniciativa para pedirlle á Xunta de Galicia que explique que actuacións levou a cabo para protexer a Casa de Baños das Burgas tras o incendio que sufriu o pasado 15 de maio e a posterior demolición parcial do inmoble.

A socialista pedirá ao Goberno galego que informe sobre os labores de inspección, protección e tutela patrimonial realizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e que aclare se as obras de demolición executadas polo Concello de Ourense contaban coas autorizacións necesarias. Tamén reclamará coñecer que informes técnicos manexaba a Xunta sobre o estado do edificio e que alternativas á demolición chegaron a valorarse.

"Non podemos permitir que o incendio e agora a demolición parcial se convertan na sentenza definitiva da Casa de Baños. O goberno autonómico ten a responsabilidade de protexer o noso patrimonio e debe explicar que fixo, que medidas adoptou e, sobre todo, que vai facer a partir de agora para recuperar este elemento fundamental da historia termal de Ourense", sinala Rodríguez Dacosta.

A iniciativa lembra que o edificio forma parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural e que constitúe unha peza singular do patrimonio histórico e arquitectónico da cidade, vinculada á súa identidade termal e á arquitectura de Daniel Vázquez-Gulías.

Así mesmo, lémbrase que o grupo municipal socialista xa solicitou ao Concello, tras o incendio, a posta en marcha dun plan urxente de rehabilitación e recuperación do edificio, xunto coa mobilización dos recursos económicos necesarios para garantir a súa conservación, proposta que saíu adiante no Pleno do pasado mes de xuño.

"Desde o primeiro momento defendemos que había que protexer, consolidar e recuperar a Casa de Baños na medida en que fose técnica e patrimonialmente posible. O que non podemos aceptar é que, mentres as administracións cruzan responsabilidades, Ourense siga perdendo patrimonio", destaca a deputada do PSdeG.

Por iso, esixirá ao Goberno de Alfonso Rueda unha avaliación técnica e patrimonial integral que determine o estado actual do inmoble, identifique que elementos se conservan e cales foron retirados ou desmontados, e que garanta a súa documentación, conservación e custodia.

Ademais, as socialistas pedirán ao Executivo autonómico que adopte todas as medidas necesarias para evitar novas perdas patrimoniais e que impulse, xunto co Concello de Ourense, un verdadeiro plan de recuperación da Casa de Baños que contemple a conservación dos elementos recuperables, a rehabilitación ou reconstrución patrimonial do edificio e a súa posta en valor.

A proposta inclúe tamén a petición de que a Xunta destine recursos económicos para contribuír á execución deste plan e colabore na captación de fondos autonómicos, estatais e europeos destinados á recuperación do inmoble.

Finalmente, Rodríguez Dacosta reclamará que o Goberno galego presente ante o Parlamento, nun prazo máximo dun mes, un informe detallado da súa actuación desde o incendio, cos informes técnicos existentes, as autorizacións e requirimentos realizados, o estado actual do patrimonio afectado e as medidas e recursos previstos para a protección e recuperación da Casa de Baños.

"Esta non pode ser unha batalla entre administracións para ver quen ten a culpa. A prioridade debe ser salvar o que queda e poñer todos os medios para recuperar a Casa de Baños", conclúe a deputada do PSdeG.

0.15082287788391