O PSOE de Ourense esixe paralizar as obras na Casa de Baños de As Burgas e pide explicacións a Jácome

O Grupo Municipal Socialista de Ourense esixiu a paralización inmediata das actuacións que se están a levar a cabo na Casa de Baños de As Burgas e reclamou explicacións claras por parte do goberno local que preside Jácome. Os socialistas solicitaron a convocatoria urxente dunha Xunta de Voceiros, así como a comparecencia do concelleiro de Urbanismo e Patrimonio, Francisco Lorenzo, para que informe sobre que traballos se están a realizar, quen os autorizou e que informes técnicos e xurídicos os respaldan.
Ademais, o PSOE dirixiuse tamén á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, ao tratarse dun elemento integrado nun Ben de Interese Cultural (BIC). O grupo municipal pediu unha inspección urxente para comprobar que todas as autorizacións patrimoniais están en regra e para que se adopten as medidas necesarias que eviten novos danos.
Así mesmo, os socialistas amosaron a súa preocupación polo paradoiro e o estado de conservación de elementos históricos retirados do edificio, como as antigas bañeiras, e pediron que se aclare onde se atopan e en que condicións se conservan.
O PSOE anunciou que recorrerá a todas as vías administrativas e legais necesarias para conseguir o que consideran obxectivos básicos: legalidade, transparencia e protección do patrimonio de Ourense.