O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a petición de protexer o antigo cárcere como espazo de memoria

OurenseXa
Unha iniciativa parlamentaria reclama estudar a declaración do histórico edificio como BIC e o seu recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática, ademais de medidas para frear a súa deterioración
antigo-carcere-ourense
29 Sep 2026

A protección da antiga Prisión Provincial de Ourense chegou ao Parlamento de Galicia. O PSdeG-PSOE de Ourense rexistrou unha iniciativa coa que busca que se garanta a conservación dun inmoble que considera clave para a memoria histórica e democrática da provincia.

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta é quen presentou a proposta, que lle pide ao Executivo galego que valore a declaración do antigo penal como Ben de Interese Cultural (BIC), que protexa os elementos históricos que aínda se conservan e que impulse o seu recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática.

Unha demanda que xa tiñan plantexado varias entidades

A iniciativa chega despois de que Amigos da República de Ourense, o Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova volvesen solicitar de forma pública que se protexa o edificio e que se recoñeza o seu valor como espazo de memoria.

Rodríguez Dacosta mostrouse crítica coa actitude da Xunta e cualificou de "incomprensible" que permaneza pasiva ante un inmoble que, ao seu xuízo, reúne unha parte esencial da historia contemporánea da cidade. Nesa liña, sostivo que a administración autonómica conta con competencias, con ferramentas legais e cunha responsabilidade respecto da memoria democrática de Galicia.

Un símbolo da represión durante a Guerra Civil e o franquismo

A parlamentaria lembrou que a antiga Prisión Provincial de Ourense tivo un papel central no sistema represivo da Guerra Civil e da ditadura franquista. Segundo a documentación histórica citada, máis de 5.000 persoas pasaron polo centro entre 1936 e 1940, e en xaneiro de 1938 chegaron a concentrarse alí máis de 600 internos.

"Non estamos falando dun edificio calquera", sinalou Dacosta, que subliñou que por este lugar pasaron miles de persoas, moitas delas vítimas da represión política, e que detrás de cada unha hai unha vida e unha familia.

A deputada considera que a Xunta debe pasar "das declaracións aos feitos" e utilizar os mecanismos que recolle a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para avaliar e protexer o inmoble. A proposta pide expresamente que se estude a súa declaración individual como BIC atendendo aos seus valores históricos, arquitectónicos, documentais e memoriais.

Protexer sen renunciar a un futuro para o edificio

Desde o PSdeG-PSOE aseguran que a protección do antigo penal non é incompatible coa súa rehabilitación nin coa procura dun novo uso. Sosteñen, con todo, que calquera proxecto de futuro debe partir da conservación dos elementos que permiten explicar a historia do edificio.

"Ninguén está pedindo que o antigo cárcere quede convertido nun edificio pechado no tempo", explicou a deputada, que defende que se rehabilite "sen borrar a súa historia" e respectando a memoria das persoas que estiveron recluídas.

A iniciativa plantexa que se impulse un estudo histórico, arquitectónico e patrimonial integral que determine que elementos deben preservarse. Ese traballo debería incorporar tanto os fondos do Arquivo Histórico Provincial como a investigación académica xa existente. Ademais, solicítanse medidas de conservación preventiva para evitar que continúe a deterioración do inmoble.

Dacosta advertiu do risco de actuar tarde: "Hai elementos que, unha vez perdidos, xa non se poden recuperar. A memoria tamén se pode destruír por abandono".

Cara ao recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática

A proposta socialista vai máis alá da protección arquitectónica. Reclama que a Xunta colabore coa Administración Xeral do Estado para promover o recoñecemento do antigo penal como Lugar de Memoria Democrática, así como para fomentar a investigación e a divulgación da historia da prisión e das persoas que estiveron recluídas nela.

Para a deputada, trátase de "unha cuestión de responsabilidade institucional". Segundo afirmou, o que se plantexa non é nada extraordinario, senón que se cumpra con esa responsabilidade, se escoite as entidades memorialistas e se estea "á altura da historia" do edificio.

Rodríguez Dacosta concluíu que desde o PSdeG-PSOE teñen claro que a memoria democrática de Ourense "non se pode deixar caer".

0.17293787002563