O PSOE de Ourense logra impulsar o turismo intelixente e un programa de inmersión en inglés para 3º da ESO

OurenseXa
O pleno municipal respalda dúas propostas socialistas que buscan dixitalizar a oferta turística da cidade e poñer en marcha unha experiencia de inmersión lingüística dotada con 200.000 euros para o curso 2027
grupo-municipal-psoe-ourense
Imaxe de arquivo
6 Nov 2026

O pleno ordinario do Concello de Ourense, celebrado esta mañá, deu luz verde a dúas propostas impulsadas polo grupo municipal socialista, centradas na modernización da oferta turística local e na ampliación de oportunidades formativas para a mocidade da cidade.

A primeira das iniciativas propón avanzar na incorporación de Ourense ao ecosistema de Destinos Turísticos Intelixentes, aproveitando os recursos públicos xa existentes en lugar de crear infraestruturas paralelas. Segundo defenderon as socialistas, a cidade conta cun patrimonio notable —o conxunto termal, o casco histórico, o río Miño, a gastronomía, o Entroido, o comercio local e a conexión ferroviaria de Alta Velocidade— pero precisa dar un paso máis na súa dixitalización para que quen a visita poida dispoñer de información clara, actualizada e de doado acceso.

Entre as medidas concretas aprobadas figura a integración do Concello no proxecto provincial ‘Ourense Cerca DeTI’, promovido pola Deputación e financiado con fondos europeos NextGenerationEU, co fin de evitar duplicar esforzos e rendibilizar as ferramentas xa dispoñibles. Tamén se contempla mellorar a información sobre as termas municipais —horarios, servizos, accesibilidade e incidencias— e deseñar dúas rutas turísticas, de 24 e 48 horas de duración, que enlacen a estación do AVE co centro histórico, As Burgas, a zona termal, a contorna do Miño e a oferta gastronómica e comercial da cidade.

A candidata á Alcaldía polo PSdeG, Natalia González, quen defendeu esta proposta no pleno, explicou que o propósito é «facer máis sinxelo visitar Ourense, facilitar o acceso á información e conseguir que os recursos turísticos municipais estean conectados, actualizados e sexan útiles tanto para quen nos visita como para o propio sector». A tamén portavoz socialista na institución local fixo referencia á súa visita a Adeje, en Tenerife, onde puido coñecer de preto o desenvolvemento dun modelo de destino turístico intelixente e valorar que aspectos poderían trasladarse á realidade de Ourense.

A segunda proposta aprobada dá luz verde á creación de ‘Ourense en Inglés’, un programa municipal pensado para o alumnado de 3º da ESO, que ofrecerá unha estadía de inmersión lingüística dunhas tres semanas nun país de fala inglesa. Durante ese período, o alumnado convivirá cunha familia de acollida e asistirá a un centro educativo local. Para o grupo socialista, a aprendizaxe de idiomas e o acceso a experiencias internacionais non deberían depender unicamente da situación económica de cada familia.

A edil Cristina Cruz, encargada de defender esta iniciativa, detallou que o programa contará cunha dotación inicial de 200.000 euros nos orzamentos de 2027, cun mínimo de 50 prazas e a aspiración de chegar ata 60. A proposta inclúe ademais un sistema de achegas progresivas por parte das familias, calculado en función da súa renda, co obxectivo de que ningún estudante quede excluído por motivos económicos. «O obxectivo é que a situación económica dunha familia non determine se unha moza ou un mozo pode ou non acceder a unha experiencia educativa internacional», afirmou a concelleira.

Ambas as dúas mocións enmárcanse, segundo indicou o grupo municipal, na súa liña de traballo orientada a impulsar políticas públicas con medidas concretas, recursos definidos e obxectivos claros, co fin de aproveitar o potencial de Ourense e mellorar as oportunidades da súa cidadanía.

0.1632719039917