O PSOE de Ourense propón sumar a cidade a un modelo de turismo intelixente e crear un programa de inmersión en inglés para 3º da ESO

O pleno ordinario de novembro abordará dúas mocións presentadas polo grupo municipal socialista. A primeira busca que Ourense se incorpore ao modelo de Destino Turístico Intelixente (DTI), unha fórmula orientada a ordenar mellor a xestión do turismo local e a enriquecer a experiencia de quen visita a cidade, partindo dos recursos e dos investimentos que xa existen neste ámbito.
Entre os argumentos que manexan os socialistas figura a posibilidade de dar un novo impulso ao proxecto «Ourense, cerca de ti», que conta con financiamento europeo procedente dos fondos Next Generation por un importe superior ao millón trescentos mil euros. Ao seu xuízo, trátase de aproveitar mellor a dixitalización e os datos dispoñibles para coordinar os distintos servizos turísticos da cidade, en lugar de levantar novas estruturas desde cero.
A formación sostén que Ourense reúne atractivos suficientes para posicionarse como destino: as augas termais, o legado histórico, a oferta gastronómica, a contorna do Miño e o tecido comercial, aos que se engade agora a chegada do tren de Alta Velocidade. O problema, sinalan, está en que estes recursos non sempre están ben conectados entre si nin resultan fáciles de atopar para quen chega por primeira vez, de aí a necesidade de mellorar o acceso a información práctica e actualizada.
Neste sentido, a moción plantexa o deseño de dúas rutas turísticas pensadas para estadías curtas, dun día e dun fin de semana, que enlacen a estación do AVE con puntos como o casco antigo, As Burgas, a zona termal, as beiras do Miño e a oferta gastronómica e comercial. A intención é que as persoas visitantes poidan organizar mellor o seu paso pola cidade, alargar a súa estadía e que o gasto turístico beneficie a un maior número de negocios locais.
Como referencia para esta proposta, a candidata socialista á Alcaldía, Natalia González, viaxou ata o municipio tinerfeño de Adeje para coñecer sobre o terreo unha experiencia xa consolidada de Destino Turístico Intelixente, co obxectivo de valorar que elementos dese modelo poderían trasladarse a Ourense.
Xunto a esta iniciativa, o grupo socialista presentará nese mesmo pleno outra moción para crear 'Ourense en Inglés', un programa dirixido nunha primeira fase ao alumnado de 3º da ESO. A idea consiste en que un grupo de estudantes poida pasar preto de tres semanas nun país de fala inglesa, convivindo cunha familia de acollida e asistindo a un centro escolar local, como vía para reforzar o seu nivel de inglés mediante a inmersión total.
Segundo o plantexamento socialista, o programa arrincaría cunha partida de 200.000 euros incluída nos orzamentos municipais de 2027, con capacidade para polo menos 50 estudantes e a aspiración de chegar a 60. As familias participantes achegarían parte do custo de forma proporcional ao seu nivel de renda, de xeito que a dispoñibilidade económica non sexa un factor determinante para acceder ao programa.
Con ambas as mocións, os socialistas ourensáns buscan actuar sobre dúas fronte distintas: reforzar o atractivo turístico da cidade explotando mellor os seus recursos xa existentes, e ampliar as opcións formativas da mocidade mediante un sistema que non deixe fóra a quen ten menos capacidade económica.