O Sergas convoca as 25 prazas de médico de urxencias do CHUO tras meses de reclamacións pola falta de persoal

GaliciaXa | OurenseXa
A Consellería de Sanidade publica no DOG o proceso selectivo, por concurso de méritos, para cubrir de forma estable as vacantes dun servizo que levaba tempo sinalado por sindicatos, xefes de Urxencias e partidos da oposición
urxencias-chuo
26 Aug 2026

A Consellería de Sanidade fixo oficial este mércores, a través do Diario Oficial de Galicia, a convocatoria do proceso selectivo para cubrir 25 prazas de médico de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Trátase dunha oferta extraordinaria, que se resolverá polo sistema de concurso de méritos e que busca axilizar a incorporación de especialistas a un servizo cualificado oficialmente como de difícil cobertura.

Do total de prazas, 17 corresponden á quenda de acceso libre, 6 a promoción interna e 2 quedan reservadas para o cupo de discapacidade. O prazo de inscrición arrinca este xoves e prolongarase ata o 30 de setembro, coa intención de que o proceso quede resolto e as prazas cubertas no primeiro semestre de 2027. Como incentivo adicional, a experiencia acumulada traballando nas urxencias do hospital ourensán puntuará o triplo no baremo.

Un servizo baixo presión desde hai meses

A convocatoria chega despois dun longo pulso entre os profesionais, os partidos políticos e a Xunta ao redor da situación do servizo. Xa en maio, os propios coordinadores de Urxencias dos hospitais galegos denunciaron publicamente sentirse "discriminados" pola Consellería, á que acusaron de freara contratacións xusto antes do verán, co CHUO como un dos casos máis graves, ao funcionar daquela con apenas un 40% do cadro de persoal necesario. Sanidade, pola súa banda, negou que existise bloqueo ningún e atribuíu as autorizacións previas a criterios de reparto equitativo de recursos.

Semanas despois, o BNG levou o asunto ao Parlamento galego cualificando a situación de "colapso" e lembrando que 17 dos 22 médicos do servizo asinaran un comunicado alertando dos riscos tanto para pacientes como para traballadores; os nacionalistas reclamaron entón unha mesa de traballo urxente co persoal. Tamén o PSdeG esixiu na Comisión de Sanidade un reforzo inmediato, mostrándose crítico con medidas que consideraba insuficientes ou meramente cosméticas, como a auditoría anunciada sobre a carga de traballo do servizo.

Os pasos previos á convocatoria

O Goberno galego foi despregando distintas medidas ao longo do verán. A mediados de xullo, declarou oficialmente de difícil cobertura as prazas médicas de Urxencias do CHUO mediante a modificación da Lei 2/2022, o que abriu a porta a convocalas por concurso de méritos, sen fase de oposición, e a que o tempo traballado no servizo puntuase o triplo en futuros procesos. Días despois, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuniuse con profesionais do hospital para anunciar formalmente que esas 25 prazas vacantes sairían a concurso, nun encontro no que tamén repasou outras medidas do departamento, como a mellora retributiva da xornada complementaria ou o aumento de prazas de formación na especialidade.

A convocatoria, xa en marcha

Coa publicación de hoxe no DOG, ese anuncio materialízase. O cadro de persoal do servizo de Urxencias do CHUO consta de 50 profesionais, dos que actualmente só 25 prazas están ocupadas, polo que a Consellería confía en que esta vía extraordinaria permita resolver nuns meses unha carencia que os propios traballadores e varios grupos políticos levaban denunciando desde hai máis dun ano. Mentres se resolve o proceso selectivo, a atención do servizo séguese a sostendo con interinidades por acumulación de tarefas e co apoio de facultativos desprazados doutras áreas sanitarias.

0.17033696174622