O socialistas ourensáns proclaman a Natalia González como candidata á alcaldía na moción de censura

OurenseXa
A Executiva local do PSdeG de Ourense ratifica por aclamación a candidatura á alcaldía de Natalia González para a moción de censura e agradece o respaldo e confianza do BNG
natalia_gonzalez_benitez_concello_ourense
Natalia González, PSdeG-PSOE de Ourense
27 Jun 2024

A Comisión Executiva da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE en reunión extraordinaria celebrada no día de onte ratificou por aclamación a candidatura á Alcaldía para a moción de censura no Concello de Ourense de Natalia González, secretaria xeral de dita agrupación, voceira e edil do Grupo Municipal Socialista, trala proposta única do Grupo Municipal Socialista elevada á dirección local.

Dende a executiva sinalan que o PSOE é un partido de goberno e como tal están “dispostos a asumir a responsabilidade”. Así mesmo, instan ao compromiso das tres formacións políticas para sacar adiante a cidade e á consolidación dun novo executivo no que, independentemente de quen forme parte del ou non, todos sexan igual de importantes, coa máxima lealdade e xenerosidade por parte de todos e todas xa que a base fundamental ten que ser o pacto por Ourense.

Os e as socialistas entenden que os compromisos recollidos e actualizados do ‘Pacto da Concordia’ contan co respaldo dos tres grupos municipais e serán incorporados ao documento definitivo de moción de censura que asinarán os 14 edís.

Neste senso, o PSdeG-PSOE agradece o respaldo e confianza do BNG a unha candidatura socialista á Alcaldía de Ourense na moción de censura. O obxectivo é acadar un fito histórico, desbloquear a grave situación actual e recuperar a normalidade institucional no Concello, desde o máximo respecto a cada unha das organizacións que representamos ás demais.

“Estamos chamadas a ser exemplo de que a política é un instrumento útil para cambiar a vida da xente e que a cultura do diálogo e o consenso polo interese público, superando as nosas diferenzas, é o camiño para poder volver a confiar nun futuro mellor para a terceira cidade de Galicia”, remata.

0.16768002510071